Terá lugar este xoves ás 20 horas no Museo do Traxe Juanjo Liñares

Este próximo xoves, 29 de maio, o Museo do Traxe Juanjo Liñares será escenario ás 20 horas da presentación do libro As vellas de Mens. Un traballo que leva a sinatura de Xosé Manuel Fernández Pensado, coñecido co alcume de Manel de Aturuxo, o cal estará acompañado por membros da editorial Galaxia. 

     Nas vellas de Mens comparte a súa experiencia de primeira man a carón, tanto humana como artisticamente, destas cantareiras. Descobre así o traballo e a implicación que levou a que este grupo de mulleres labregas e xa cos seus anos sobre o lombo foran quen de integrarse e permanecer nunha agrupación folclórica durante unha ampla marxe de tempo.

     Todo isto no ano no que a Real Academia Galega dedicou o seu Día das Letras Galegas á poesía popular oral, personificando nas cantareiras o importantísimo labor de preservación e difusión da cultura e o folclore propios. 

     As vellas de Mens conta con prólogo de Xosé Manuel Varela e epílogo de Felipe-Senén López.

Presentación do libro As vellas de Mens