Grande acollida ao IX Festival Herdanzas
O IX Festival Herdanzas congregou a centos de persoas esta fin de semana en Ordes. O auditorio María del Carmen Regueira Amor, na Casa da Cultura, presentou un cheo absoluto.
O público desfrutou dunha tarde chea de baile, música e folclore grazas ás actuacións de Tahúme, Embruxo Gaiteiros e a A.C. Camiño Real. O momento máis especial e emotivo tivo ocasión coa homenaxe que se lles brindou ás cantareiras da zona. Mercedes, Lola e Flora foron as encargadas de representar a todas esas mulleres que ao longo dos séculos foron as encargadas de perpetuar o legado artístico e cultural a través da tradición e as composicións orais. Todas elas foron agasalladas cun ramo de flores por parte dos concelleiros de Cultura e Deportes, Abel Blanco e Ana Soneira, respectivamente.
Na organización e posta en marcha deste festival participaron a A.C. Camiño Real, o Concello de Ordes e a Deputación da Coruña.
