O VI Trofeo de Ciclismo Concello de Ordes terá lugar no mes de xuño
Terá un percorrido de 74,6 quilómetros e pasará tamén polo municipio de Cerceda. A proba engloba as categorías Máster 30, 40, 50 e 60 e forma parte do Campionato Galego 2025
A vila de Ordes acollerá o 20 de xuño o VI Trofeo de Ciclismo Concello de Ordes. A proba forma parte do Campionato Galego 2025 e engloba as categorías Máster 30, 40, 50 e 60.
O inicio da primeira volta está posto para as 16 horas. Tanto a liña de saída como a meta situaranse diante do Concello de Ordes, continuando o periplo establecido por Cerceda e Xesteda ata regresar á vila ordense novamente para o inicio da segunda volta, que novamente pasará polo municipio veciño de Cerceda para, nesta ocasión, desviarse pola Silva e volver a Ordes. En total serán 74,6 quilómetros. A organización estima que a competición rematará a iso das 18.20 horas.
Para poder participar é requisito indispensable estar federado e posuír a licenza correspondente. Unha vez aberta a inscrición, que será en datas próximas, o período permanecerá aberto ata o 18 de xuño. As previsións apuntan a que nesta nova edición o número de ciclistas superará o centenar, tal e como aconteceu en todas as demais edicións.
Ademais da Federación de Ciclismo Galego e o propio Concello de Ordes, entre as entidades que fan posible este evento deportivo figuran: NorInver, montaxes e inxeniería; Bar Camiñante; Electricidade Galega; Silmaplast; Kömmerling; Club Cliclista Cidade de Santiago.
