Mañá finaliza o prazo para inscribirse na XXVIII Carreira Popular
O trámite hai que realizalo a través da web www.emesports.es
Mañá mércores, día 21, concluirá o prazo para poder inscribirse na XXVIII Carreira Popular Concello de Ordes, a cal terá lugar o vindeiro domingo 25 de maio a partir das 10 horas. Aquelas persoas que queiran participar deberán realizar o trámite a través da web www.emesports.es. A cota é de 5 euros para todas as categorías, agás as escolares que son de balde.
Na proba poderán participar corredores e corredoras federados e non federados. As categorías abranguen todas as idades, indo dende a baby (nados/as no ano 2021 e posteriores) ata a máster 4 (nados/as antes de 1965). Os percorridos son de 300 metros para as categorías baby e prebenxamín; 2.400 metros para as sub 14 e 16 ; 1.200 metros para as sub 10 e 12; e por último de 8.500 metros para as sub 18, 20 e 23, sénior e máster. O control técnico das probas estará a cargo do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría sub 10 (homes e mulleres). Tamén para os primeiros postos conseguidos por atletas empadroados no municipio dentro da clasificación xeral (categorías sub 20 e 23, sénior e máster). O mesmo para o participante máis novo e o máis veterano que logre concluír a proba da súa categoría. Os premios en metálico serán de 200, 120 e 75 euros para os primeiros clasificados da proba xeral masculina e feminina. Por equipos serán 200, 150 e 100 euros.
A XVIII Carreira Popular Concello de Ordes forma parte do programa do XI Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña e nela, ademais do Concello de Ordes, tamén participa a Federación Galega de Atletismo.
O Concello porá á disposición de todas as persoas participantes un servizo de duchas, ademais de avituallamento para todas as persoas que conclúan as probas.
Entre as entidades que colaboran con esta cita deportiva figuran Jaime Castro, Seguros Reale, Nocilla, froitería A Nova, Gadis, carnicería Enrique, Feiraco e escavacións Candal.
