Aberto o prazo para presentar as solicitudes dos postos de socorrista e limpador/a da piscina do Muíño
No BOP de hoxe tamén se publicou a aprobación do padrón fiscal do servizo de abastecemento, saneamento, depuración EDAR e lixo.
O BOP de hoxe venres, 9 de maio, publica os anuncios para o proceso de selección de persoal laboral temporal para cubrir seis postos de socorristas e un de limpador/a para a piscina municipal descuberta do Muíño.
O inicio do servizo será os días 20 e 18 de xuño e finalizará o 31 de agosto respectivamente. En ambos os casos as xornadas serán de 40 horas semanais a desempeñar de luns a domingo. As persoas interesadas terán ata o 20 de maio para presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica do Concello, achegando a documentación que se indica nas bases.
No caso do corpo de socorristas as funcións que se deben realizar consistirán en tarefas de prevención, vixilancia, salvamento e primeiros auxilios. Especificamente será imprescindible estar en posesión da acreditación da formación mínima para o exercicio da actividade de socorrismo en instalacións acuáticas establecida por lei, así como figurar no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia. As listas definitivas de persoas admitidas e excluídas serán publicadas o 3 de xuño. O proceso de selección constará dun primeiro exercicio no que se deberán contestar a 25 preguntas tipo test cun tempo máximo de 30 minutos (6 xuño) en base a un temario composto de 13 temas. Un segundo exercicio constatará o coñecemento do idioma galego das persoas aspirantes (16 xuño). A remuneración ascende a 1.872,37 € brutos/mes.
O persoal de limpeza deberá encargarse da hixiene das instalacións da piscina, vestiarios, servizos, duchas e zonas comúns. Finalizado o tempo de presentación de solicitudes as listaxes provisionais publicaranse nun prazo máximo de tres días hábiles. Entre os méritos que se valorarán figura con 6 puntos como máximo a prestación de servizos tanto dentro (0,10 puntos/mes) como fóra (0,5 puntos/mes) de calquera administración pública en posto igual ou similar. Cun máximo de 4 puntos tamén contabilizarán os cursos realizados en relación co posto ao que se concursa. A retribución salarial é de 1.446,48 € brutos.
Taxa abastecemento
Tamén no día de hoxe foi publicado o anuncio de exposición pública da aprobación ao padrón fiscal polo servizo de abastecemento de auga, lixo, saneamento, depuración EDAR e lixo, incluído o canon da auga do primeiro trimestre do ano. O prazo de cobro voluntario será de dous meses e o de presentación de reclamacións de 15 días.