Ordes acollerá esta fin de semana a XIII Exhibición de Patinaxe Artística
Terá lugar o domingo a partir das 12 horas no pavillón Castelao I.
Este vindeiro domingo, 11 de maio, vai ter lugar no pavillón Castelao I de Ordes a XIII Exhibición de Patinaxe Artística. O acto dará comezo ás 12 horas e nel participarán 220 patinadores e patinadores do Club de Patinaxe Artística Galia, así coma dos colexios Castelao, Campomaior e O Mesón do Vento. Unha vez finalizada a exhibición terá lugar a entrega de medallas, que contará coa presenza de Ana Soneira, concelleira de Deportes do Concello de Ordes.
Este evento está a ser organizado polo Club de Patinaxe Artística Galia. Conta ademais co apoio do Concello de Ordes, Xunta de Galicia e Deporte Galego.
