Un total de 40 persoas solicitaron cita para hoxe co fin de expedir ou  renovar o seu DNI ou pasaporte. 

Esta mañá o vehículo integral de documentación da Policía Nacional (VIDOC) deu servizo por primeira vez en Ordes para renovar ou solicitar o DNI. Nesta primeira xornada, que terá continuidade ata o próximo mércores, prestóuselles servizo a 40 persoas. Como novidade tamén se pode tramitar o pasaporte, ademais de renovar os certificados dixitais do DNI mediante o Punto de Actualización de Documentación (PAD). Neste eido hai que salientar que o Concello de Ordes foi pioneiro na provincia ao contar dende o mes de marzo cunha unidade deste tipo situada na entrada principal do edificio consistorial. 
  
     Xa a partir de xuño o VIDOC desprazarase ata Ordes o primeiro e terceiro luns de cada mes, agás os días festivos e os meses de xullo e agosto. O pago polos ditos trámites haberá que efectualo no mesmo momento e en efectivo, sendo de 12 euros para o DNI e 30 euros o pasaporte (imprescindible DNI en vigor e ir acompañado do pai, nai ou titor/a se se é menor de idade). Tamén é necesario achegar unha foto recente. Os novos documentos serán entregados no acto.

    A Policía Nacional destina á provincia da Coruña tres dos seis vehículos deste tipo asignados a Galicia. En total percorrerán 27 concellos que carecen de comisaría. 

O VIDOC presta servizo en Ordes por primeira vez