Aberto o prazo de licitación para cambiar o céspede artificial do campo de fútbol de Vista Alegre
O orzamento total desta actuación ascende a 271.860 euros.
Ata o 15 de maio permanecerá aberto o prazo de licitación da renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Vista Alegre, situado na cidade deportiva. O importe, impostos incluídos, do presuposto base ascende a 271.860,08 euros ( 224.677,75 € sen IVE).
Dado o desgaste que presenta o terreo de xogo na actualidade, o cal data do ano 2009, o principal obxecto do contrato é a instalación de 7.208 m² de céspede artificial de última xeración para a práctica de fútbol (sistema TUFTING en Zigzag, modelo Pavigrass Triplex 45 mm ou equivalente). Este deberá satisfacer os requirimentos para as categorías FIFA Quality e FIFA Quality Prol mediante certificación oficial (FIFA Aproved). Previamente será necesario instalar unha base elástica prefabricada cuxa absorción de impactos sexa como mínimo do 40% (tipo Pavigrass/Alvo nut 100 ou equivalente de 2 m de anchura mínima).
O proxecto inclúe a retirada de equipamento deportivo, como porterías ou bandeirolas, por medios manuais, así como a do céspede existente para o seu posterior traslado a un vertedoiro autorizado. Tamén será necesario o arranxo da canalización perimetral, para o que haberá que retirar a reixa existente en mal estado e instalar unha nova, logo da reparación previa das partes danadas. Para acadar un terreo uniforme serán precisas tarefas de fresado e a aplicación de conglomerado quente naquelas zonas que presenten irregularidades ou deformacións.
Esta operación é posible despois de que no pleno do pasado mes de marzo se aprobara unha modificación de crédito por máis de 360.000 euros. Cartos cos que tamén se adquirirán os terreos do campo de fútbol do Mesón do Vento e dunha fracción de 1.029 m² da parcela 48 situada no polígono de Merelle.