Forma parte da fase previa ao Campionato de España de Hóckey a Patíns e nel participan oito equipos galegos e asturianos

Dende hoxe e durante toda a fin de semana Ordes vai ser lugar de encontro para os afeccionados e afeccionadas ao hóckey. O pavillón Castelao I acollerá ata o domingo o Sector Norte Júnior 2024/25, no que participan 8 equipos provenientes de Galicia (4) e Asturias (4). Trátase de: A.C. Ordes, Deportivo Liceo, C.A.A. Dominicos, Compañía María Azul, C.P. Mieres, Oviedo Roller HC, C.P. Patinalón e Telecable H.C.  

     Esta proba englóbase dentro da fase previa do Campionato de España de Hóckey a Patíns, o cal se xogará en Sada do 23 ao 25 deste mes. Os encontros disputaranse en horario de mañá e tarde, agás o domingo, que finalizarán despois do mediodía. As persoas que queiran poderán acudir e animar ao seu equipo de forma totalmente gratuíta.  Ademais, o sábado o A.C. Ordes aproveitará a cita para aunar esforzos e visibilizar o labor realizado na loita contra o cancro. Por outra banda o domingo Iago Regueiro, xogador do Cambre de 18 anos cunha lesión medular a causa dunha caída da que se recuperou con secuelas, fará o saque de honra na final do domingo.

     A organización deste torneo corre a cargo da Federación Galega de  Patinaxe e do A.C. Ordes.  Colaboran tamén o Concello de Ordes, Xunta de Galicia, Sogama, El Túnel, Ramón García, Deputación da Coruña, Grupo Sanjurjo, Ciclos Ordes, PHG, Real Federación Española de Patinaxe, Deporte Galego, Hotel Alda Camiño Inglés e tiivii.gal beta.

Ordes acolle dende hoxe e durante toda a fin de semana o Sector Norte Júnior 2024/25