Aberta a licitación para a senda que comunicará o Valado coa Estación de Parada ao longo da DP5903
O orzamento total da obra supera o 1.400.000 euros.
Ata o próximo 21 de maio poderanse presentar as ofertas para a construción dunha senda peonil na marxe esquerda da estrada DP-5903 de Ordes a Portomouro por Pontechonia. O itinerario de 2.800 m. (parte en pasarela) sitúase concretamente no tramo que abrangue os puntos quilométricos PQ 1+635 ao PQ 4+435. A finalidade do proxecto pasa pola mellora da funcionalidade da vía e da seguridade tanto para condutores/as de vehículos como para peóns. O orzamento total da obra ascende a 1.402.340,32 euros (IVE incluído), e será financiado integramente polos fondos procedentes do ITJ.
Contempla unhas dimensións de 1,80 metros cunha beiravía de 50 cm. Á altura do regato de Cestaños instalarase unha pasarela de madeira pilotada cun van central de 10 m. de luz e os dos extremos de 2,50 metros. O pavimento estará composto por 20 cm. de solo seleccionado, 15 cm. de grixo e 15 cm. de formigón puído, ademais de contar cun bordo ao longo. Nas interseccións co tráfico rodado disporá de pavimento podotáctil en cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade. Inclúese unha rede de drenaxe coa existencia de pozos de rexistro e sumidoiros para a recollida de augas; así como contempla a extensión da rede de abastecemento público en toda a traza. No referente ao sistema de iluminación entre outras dotacións colocaranse máis de 2000 m. de tubaxe. Executaranse varios muros de bloques de pedra granítica para dar solución á diferencia de cotas, ademais de varandas de aceiro como medida de seguridade para as persoas viandantes e os ciclistas.
Foi o pasado 8 de abril cando no BOP da Coruña se publicaba a aprobación adscrición demanial a favor do Concello de Ordes por parte da Deputación da Coruña, titular da vía, por un prazo de 10 anos.
Para concluír a actuación do ámbito, conforme recolle o proxecto, plantaranse un decena de árbores, colocaranse bancos, instalaranse aparcamentos para bicicletas e puntos de recarga eléctrica de motos, bicicletas e patinetes.
