spacer
RESUMO DO PLENO ORDINARIO DO MES DE ABRIL DE 2025

Audio do pleno

Ordes contará cunha nova numeración dixital.

O Concello está a realizar o proxecto de numeración dixital, que agarda estea rematado no 2027. Desenvolvido de forma conxunta co Grupo de Desenvolvemento Rural conta cun orzamento de case 150.000 euros.

O pleno correspondente ao mes de abril que tivo lugar onte caracterizouse pola falta de votacións ao non presentar  mocións ningún dos grupos. Con isto o alcalde deu paso practicamente de forma inmediata ao punto de rogos e preguntas, o último da orde do día.

As concelleiras do PSdeG-PSOE de Ordes foron as encargadas de abrir a rolda. Pediron instar á Consellería de Política Social e Igualdade a instalación dun centro de atención a persoas con discapacidade e outro de tipo ocupacional. Tamén a que se lle poña á súa disposición a vivenda de uso social situada en Queirúa “para desenvolver proxectos de transición á vida independente”. A encargada de darlles resposta foi Susana García, concelleira de Política Social. Explicou que a xestión dese tipo de centros e espazos non é competencia municipal, senón que “é a propia Xunta de Galicia quen deriva aos usuarios e usuarias en base ao seu grao de dependencia e capacidade económica. Nunca segundo o ámbito territorial ao que pertenza a persoa solicitante”. A edil tamén fixo un percorrido polos distintos servizos que se brindan en Ordes a este sector poboacional, mencionando a Andaina  Pro Saúde Mental, COGAMI (inserción laboral), a unidade de saúde mental do Sergas, ou o curso de habilidades sociais que se imparte no Mesón do Vento. Avanzou tamén que se está instaurar no municipio un punto de atención directa a persoas con dano cerebral por parte de Sarela, entidade que xa leva tempo traballando na zona.
     
Aínda que xa conta con todas as certificacións por parte do persoal técnico municipal, os socialistas demandaron tamén algún tipo de sistema, como varandas ou similares, que incremente a seguridade na entrada da Casa da Cultura.     
     
No que ser refire ao BNG puxo sobre a mesa a necesidade de organizar e impulsar unha nova numeración dos núcleos rurais, evitando así problemas no reparto de correo e paquetería. O alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, explicou que o traballo xa está iniciado co proxecto de numeración dixital que se está a realizar conxuntamente co Grupo de Desenvolvemento Rural, o cal agarda estea rematado en 2027. O seu orzamento ascende a 149.560 euros que serán sufragados por ambos entes. Ao respecto a principal indicación pasa pola adaptación toponímica e ao rueiro do PXOM. A primeira fase de adaptación do padrón municipal está concluída. O proxecto inclúe tamén a actualización catastral, o padrón xeorreferencial e o deseño de rótulos e vinilos para os inmobles.

Barrio do Paraíso

Os nacionalistas volveron traer ao pleno a situación da urbanización do barrio do Paraíso, paralizada dende hai anos. O voceiro Pablo Vidal solicitou manter unha xuntanza con propietarios/as e demais axentes implicados no proxecto co gallo de explorar a posibilidade de que o Concello se faga cargo do remate da urbanización. Martínez Sanjurjo defendeu o traballo realizado polo actual goberno neste tema herdado doutros mandatos. Nos últimos anos xa realizaron ata 4 reunións cos responsables da execución, e diversos encontros cos propietarios. Fixo alusión á colaboración brindada á promotora “para que puidera abrir a vía que tiña pendente” aínda que “despois non executara o que se comprometera co Concello”.

Indicou que a pesar de que o Concello ten feito e aprobado o proxecto de urbanización a falta doutros informes de índole privada, como o de telecomunicacións ou electricidade, non fan posible que se poida emitir o informe e valoración final. Aínda así, asegurou “que se segue a traballar para conseguilo” sen descartar optar por abrir medidas xudiciais no seu debido momento. Defendeu a correcta tramitación, execución e construción de equipamentos situados na zona como a pavillón Castelao II, o Pumtrack e o parque infantil Pilar Martínez.