Arranca en Ordes unha nova edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia
As especies arbóreas da comarca foi o tema abordado na primeira xornada, na cal participaron 25 veciños e veciñas. A iniciativa ofrece a posibilidade de obter formación universitaria a maiores de 50 anos
Un total de 25 persoas participan este ano no programa Camiños de Coñecemento e Experiencia. Todas elas son veciños e veciñas de Ordes que non queren deixar pasar por alto a posibilidade de participar nesta iniciativa incluída no IV ciclo do programa universitario para maiores.
Onte foi a primeira das sesións formativas e estivo centrada nas especies arbóreas da comarca. Terá continuidade esta mesma tarde coa segunda e última das clases que, novamente, correrá a cargo da colaboradora Blanca Fraga. Mañá e pasado a pedagoga e investigadora Katia Cino abordará a historia da fotografía: unha viaxe dende a cámara escura ata a era dixital. Por último o profesor Victoriano Nodar falará da orixe do culto xacobeo: historia e lenda. Será os días 25 de abril e 2 de maio.
Camiños de Coñecemento e Experiencia é un programa levado a cabo conxuntamente pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Tamén participan outros 13 concellos da provincia, entre eles o de Ordes. Cómpre sinalar a boa acollida que ten esta iniciativa entre a veciñanza. De feito, moitas e moitos dos alumnos que este ano participan xa asistiron a edicións anteriores.
