O Plan Director contempla a construción de varias infraestruturas deportivas, espazos naturais, estanques, parque infantil, anfiteatro e un pavillón multiusos con capacidade para máis de 2.000 persoas

A través das súas redes sociais, o Concello de Ordes está a compartir as primeiras infografías e planos do Plan Director da que será unha das maiores áreas de esparexemento da vila. Trátase dun espazo de algo máis de 33.000 m² situado no barrio do Piñeiro, e que a día de hoxe está en parte ocupada co complexo da antiga fábrica téxtil de Viriato, composto por catro edificios en algo máis de 16.000 m². Tras a demolición desta infraestrutura executarase a transformación de toda esta  área nun espazo natural destinado ao deporte, á saúde e ao ocio.

        No novo PXOM, xa en vigor dende o pasado ano, contémplase a construción dun pavillón multiusos accesible, versátil e sostible medioambientalmente e cunha capacidade para máis de 2.000 persoas. Tamén se proxecta a construción de pistas de tenis e pádel cubertas, pista  multideporte, parque infantil e outro de calistenia, muro de escalada, skatepark, zonas biosaudables, anfiteatro exterior, estanques, pérgolas cubertas, circuíto de running e aseos públicos. Todo englobado nun espazo verde con vexetación natural. Non faltarán tampouco as prazas de aparcamento para vehículos. A execución do proxecto está condicionado a acadar financiación supramunicipal con intención de desenrola por fases no período 2026-2030.

         No seu día esta intervención urbanística foi cualificada polo alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, de “oportunidade histórica para o pobo de Ordes”. A adquisición destes terreos, cuxa firma notarial tivo lugar en maio de 2023, supuxo un investimento de 641.354,30 euros (máis IVE) para as arcas municipais. A demolición da antiga fábrica de Viriato, cun proxecto xa redactado que se agarda licitar este mesmo, supón un custe previo adicional de 423.696,30 euros.

       Cómpre lembrar tamén que é nesta parcela adquirida onde se sitúa ademais o soar ofrecido polo Concello á Xunta de Galicia o ano pasado para a edificación de vivenda pública. Trátase dun terreo cunha extensión de 370 metros cadrados en planta, con aproveitamento de baixo e tres alturas.

O Concello dá a coñecer o plan director para o entorno da antiga fábrica de Viriato