Ordes acollerá campamentos dixitais gratuítos nos meses de xuño e xullo
Impartidos pola Fundación Civervoluntarios, están dirixidos á rapazada de 9 a 17 anos. O obxectivo é lograr o uso correcto, seguro, responsable e creativo de Internet e das ferramentas informáticas
Este verán Ordes contará con campamentos dixitais gratuítos. Están dirixidos á poboación de 9 a 17 anos e van ser impartidos pola Fundación Civervoluntarios dende finais de xuño e ao longo do mes de xullo na aula de informática da Casa da Cultura. As sesións, en todos os casos, terán lugar de luns a venres de 10 a 13 horas. O prazo para poder apuntarse abrirá mañá no departamento de Cultura do Concello.
Os campamentos constarán de actividades presenciais en competencias dixitais adaptadas a cada idade. A organización aposta por unha liña pedagóxica que posibilita a interiorización de contidos de forma lúdica, para o que se teñen previstas probas de aventuras, retos e misións. Deste xeito a rapazada irá adquirindo de forma divertida novas competencias para poder utilizar Internet e as ferramentas dixitais de xeito útil, creativo, responsable e seguro.
O primeiro grupo abrangue dende os 9 aos 13 anos e súa quenda irá dende o 30 de xuño ao 11 de xullo. O seu contido inclúe busca de información de valor en Internet, ferramentas para crear contido dixital, contrasinais e protección de datos persoais e pautas para verificar información e detectar noticias falsas.
O segundo dos grupos é para a rapazada de 12 a 13 anos. Traballarán para controlar o tempo diante das pantallas, a privacidade e as normas de comportamento nas redes sociais; filtrarán e buscarán información de xeito efectivo. Tamén aprenderán a detectar e previr situacións de ciberacoso.
A terceira aula será a dos mozos e mozas de 14 a 17 anos. Hábitos saudables de desconexión e benestar dixital, uso consciente e responsable de Internet e redes sociais, competencias dixitais para a procura de emprego, a protección de datos e a identidade e reputación dixital serán os puntos que conformen o seu programa educativo.
Na web www.campamentodigital.org pódese atopar información máis detallada sobre estes e outros contidos relacionados co programa e as actividades.
Campamento Dixital é unha iniciativa impulsada por Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia. Conta co financiamento da Unión Europea-Next Generation EU.