A XUNTA SOMETE A INFORMACIÓN PÚBLICA O PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA SENDA NA ESTRADA AC-542 EN ORDES, QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE CASE 1,2M€
-
Executarase un novo itinerario, cunha lonxitude total de 1.780 metros e con dous tramos
-
O primeiro treito comezará no punto quilométrico 19+600 da estrada, partindo da senda existente na marxe dereita, e continuando ata a beirarrúa do punto 20+920; e o segunda vai pola marxe esquerda, desde o punto 2 ata a glorieta cara á N-550
-
Trátase de continuar a senda executada no límite de Ordes e Carral, na AC-542, con motivo do paso do Camiño Inglés, e conectala coa N-550, en Mesón do Vento
-
As persoas interesadas poderán presentar alegacións por un prazo de 30 días hábiles, a contar a partir de mañá
-
A Xunta ten como obxectivo aprobar o proxecto no outono para a finais de ano realizar o levantamento de actas previas das expropiacións, e licitar as obras a continuación
A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para construír unha nova senda na estrada AC-542 en Ordes, que suporá un investimento autonómico de preto de 1,2M€.
O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.
Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta intervención. Para levar a cabo esta obra será necesaria a expropiación de 27 predios, todos no concello de Ordes.
O obxectivo da Xunta é poder aprobar o proxecto no outono, para a finais de ano poder realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións, e licitar as obras a continuación. As obras contan cun prazo de execución estimado de 6 meses.
A actuación
A actuación proxectada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, consistirá na construción dun novo itinerario, que sumará unha lonxitude total de 1.780 metros e contará con dous tramos.
O primeiro treito comezará no punto quilométrico 19+600 da estrada, partindo da senda existente na marxe dereita, e continuando ata a beirarrúa do punto 20+920.
O segundo tramo discorrerá pola marxe esquerda, desde o punto 21+000 ata a glorieta que conecta coa N-550, no punto 21+380.
O obxectivo é dar continuidade á senda executada no límite dos municipios de Ordes e Carral, na AC-542, con motivo do paso do Camiño Inglés, e conectala coa N-550, ao seu paso por Mesón do Vento.