Ordes, primeiro municipio en dispoñer dun PAD da Policía Nacional
Permitirá renovar de maneira sinxela e de balde os certificados do DNI ELECTRÓNICO e cambiar os contrasinais de acceso sen ter que desprazarse á comisaría. María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña, estivo presente na presentación do novo sistema
Ordes foi o municipio escollido pola Delegación do Goberno para instalar o primeiro punto de actualización de Documentación (PAD) da Policía Nacional, que vai permitir renovar de balde e de forma sinxela os certificados electrónicos DNI e cambiar os contrasinais de acceso. Dende onte a veciñanza, non só a de Ordes senón tamén a dos outros concellos máis próximos, xa poden facer calquera destes trámites en horario de mañá na entrada do edificio consistorial sen ter que desprazarse ata calquera das comisarías da provincia. O dispositivo para poder levalos a cabo consta dunha pantalla táctil, lector de pegadas dixitais e teclado.
Para a presentación deste novo servizo o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, recibiu á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Tamén estivo presente Eduardo Rodríguez, oficial xefe da Policía Local de Ordes, así como o Comisario Provincial, Carlos Gómez. Este último informou de que o de Ordes é o primeiro PAD que se instala fóra dunha comisaría nesta primeira fase á que se lle sumarán outros sete municipios en próximas datas. María Rivas destacou que os certificados do DNI ELECTRÓNICO “son unha chave a todos os servizos dixitais da Administración” e lembrou que con este certificado integrado no DNI “pódense realizar máis do 90% dos trámites de forma telemática e sen esperas”.
A instalación deste PAD compleméntase co programa A Administración Cerca de Ti, levado a cabo polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática. Ten como finalidade achegar a toda a cidadanía os servizos da Administración Xeral do Estado, tendo en conta aqueles municipios que carecen de oficinas ou puntos de atención físicos.
