Aberto o prazo para as actividades de conciliación de Semana Santa
O Easter Camp terá lugar os días 14, 15, 16 e 21 de abril. Vai dirixido a nenos e nenas escolarizados de 9 a 12 anos
Ata o 9 de abril o Concello de Ordes vai manter aberto o prazo para apuntarse ás actividades de conciliación de Semana Santa. Concretamente van ter lugar os días 14, 15, 16 e 21 de abril nun horario que irá dende as 9 ata as 14 horas.
O Easter Camp está pensado para nenos e nenas escolarizados con idades entre os 3 e os 12 anos. Desenvolverase no Centro Sociocomunitario Isabel Zendal e nel realizaranse actividades como xincanas, xogos tradicionais e deportivos, música e movemento, ciencia divertida ou traballos manuais. As follas de inscrición xa están á disposición de quen as precise nas redes sociais municipais para, posteriormente, entregalas no departamento de Educación. O custo deste servizo é de 16 euros, tendo as familias numerosas un desconto do 50%.
Ademais, tamén se ofrece a posibilidade de contratar servizos complementarios como o de madrugadores, almorzo ou xantar, entre outros. As persoas interesadas deberán facelo directamente a través da páxina www.escuelacontalento.es (apartado campamentos).
