Ordes aplaude Croquetas, co gallo do Día Internacional do Teatro
Esta fin de semana a veciñanza de Ordes tivo ocasión de asistir de balde á representación teatral de Croquetas. A peza non defraudou nin o máis mínimo facendo rir sen descanso a todas as persoas que se achegaron ata o auditorio María del Carmen Regueira Amor, onde os aplausos resoaron a rachar unha vez finalizada a función. A veterana Agrupación Teatral Mariñán é a encargada de paseala por moitos escenarios galegos, entre eles o da Casa da Cultura ordense. Croquetas, dirixida polo tamén actor Juan J. Vázquez, está a ser a obra máis aplaudida dentro do circuíto de teatro afeccionado.
Con esta cita o Concello de Ordes quere contribuír na promoción e recoñecemento á arte escénica teatral, contando para isto co inestimable apoio da Deputación da Coruña. Precisamente será o vindeiro xoves, 27 de marzo, cando se conmemore o Día Internacional do Teatro.
