Terá lugar o vindeiro martes e será necesario inscribirse previamente 

Ordes acollerá o vindeiro martes, 1 de abril, a xornada informativa sobre as axudas en zonas de transición xusta (Zona de Transición Xusta de Meirama). O espazo escollido é o auditorio María del Carmen Regueira Amor, situado na Casa da Cultura.

     Ás 11 horas José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, abrirá o programa dándolles a benvida a todas as persoas asistentes. Inmediatamente despois (11.15 h) Nuria Álvarez, axente de territorio para as Zonas de Transición Xusta en Galicia, abordará a nova convocatoria de achegas destinadas ás empresas situadas nestas áreas. O xerente de Colchón Durmet, Manuel Freire Ferro, compartirá a partir das 11.45 horas a súa experiencia como empresario beneficiario das axudas concedidas no ano 2023 polo Instituto para a Transición Xusta. Para concluír, o público asistente disporá dunha rolda de rogos e preguntas na que expoñer as  dúbidas xurdidas ou as propostas que desexen. 

     Para poder formar parte desta xornada será necesario inscribirse previamente mediante o enderezo electrónico atgalicia@transicionjusta.gob.es, indicando o nome e apelidos, empresa, teléfono e enderezo electrónico de contacto. Organizada pola Vicepresidencia Cuarta do Goberno e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Instituto para a Transición Xusto), a xornada conta ademais coa colaboración do Concello de Ordes e da Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (Asdecomor).
     
     O convenio Transición Xusta de Meirama fornúlase como unha medida que dá resposta e apoio aos impactos resultantes do peche da central térmica de Meirama nos municipios de Ordes, Cerceda, Tordoia, A Laracha e Carral. O seu obxectivo prioritario pasa por crear e manter actividade empresarial e emprego nos territorios afectados pola transición enerxética. Tamén fixar poboación en zonas rurais e promover unha nova e diversa actividade enerxética.