A chuvia e o vento non poden co Lacón do Mesón
A festa e a gastronomía reinaron esta fin de semana na localidade. A conselleira do Medio Rural e a delegada territorial da Xunta asistiron á poxa de gando, cuxo prezo medio por exemplar superou os 3.000 €
Martinho non puido coa XXVI Festa do Lacón con Grelos. O público asistente superou as expectativas deixando claro que nin a chuvia nin as baixas temperaturas rexistradas esta fin de semana son motivo para deixar de acudir a esta cita gastronómica, das máis importantes do municipio ordense.
Ao longo do sábado e do domingo sucedéronse actos para todos os gustos. A música e a tradición folclórica chegou co IX Encontro Folclórico, no que participaron Sementes da Arte, Asociación Cultural Leira Gaiteiros, Pandeireteiras de Ardevento e Camiño Real de Poulo. O sábado pola tarde tamén houbo exhibición de cans pastores, concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona e a actuación de Zirco Txosko. Pero non foi o único pensado para que os máis novos e novas se puideran divertir, xa que o domingo tamén contaron cun circuíto de minitractores a pedais. Xa se sabe que non hai festa sen música, e diso encargáronse gaiteiros, Ángel Habana e a orquestra Capitol.
O verdadeiro protagonista do domingo foi o lacón con grelos. Bares e restaurantes do lugar ofreceron de balde á súa clientela racións e tapas. Non só os representantes da administración local, encabezados polo rexedor José Luis Martínez Sanjurjo, deron boa conta delas. Entre os visitantes desta edición tamén figuraron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e a delegada territorial da Xunta para A Coruña, Belén do Campo.
Sen dúbida para moitos e moitas un dos maiores atractivos está nas exhibicións e mostras de gando. Un aspecto sinalado polo propia conselleira, que asistiu á VI Poxa de Gando Frisón celebrada onte pola mañá. Organizada polo Concello de Ordes e Africor Coruña, nesta ocasión presentáronse un total de 15 cabezas procedentes de ganderías das comarcas de Ordes, Xallas e Bergantiños. Finalmente a suma total de todas as poxas chegou aos 47.200 euros, polo que o prezo medio acadado por exemplar situouse nos 3.371 euros. 6.050 euros foi a cantidade que máis se pagou por unha delas.
Eguas e cabalos
Un ano máis a Asociación Pura Raza Cabalo Galego desenvolveu un papel destacado, organizando exhibicións e probas puntuables dentro do seu calendario de competicións. De feito, a de onte foi a primeira das da Copa Galicia de Morfoloxía, que este ano celebra a súa vixésimo cuarta edición. En total repartíndose máis de 1.600 euros en premios entre todas as categorías. Finalmente a clasificación quedou do seguinte xeito:
PURA RAZA GALEGA
Cabalos
1º) Lino Freire con Gali de Oza.
2º) Brais Canosa con Sacristán.
3º) Lino Freire con Campero de Esteiro.
Eguas
1º) Lino Freire con Dana.
2º) Adrián Mariño con Pitufiña do Celta.
3º) Juan Fontenla con Fonteíña 2º.
TROTE
1º) Sergio Freire con Embleme.
2º) Sergio Freire con Lupin.
3º) Irene Golpe con Hidolmar.
SERRADA -1,5 METROS
1º) Borja Rodríguez con Morgan.
2º) Juan Carlos Sande con Jet de Brión.
3º) Rubén Mourente con Lisa.
SERRADA +1,5 METROS
1º) Jenny Aneiros con Kira.
2º) Francisco Javier López con Gitana.
3º) Kevin López con Max.
CHAPEADA -1,5 METROS
1º) José Ameneiros con Valenciano.
2º) Higinio López con Galván.
3º) Jonathan Lafuente con Silver.
CHAPEADA +1,5 METROS
1º) Raúl Lafuente con Saba des Sablettes.
2º) Borja Grandal con Lucky.
3º) Miguel Romaus con Casimodo.
Aroa Calviño Costa e Elena Rodríguez García recibiron os seus respectivos premios de 300 e 150 euros ao proclamarse gañadoras do concurso de carteis organizado polo Concello para anunciar a festa.
Na posta en marcha desta celebración o Concello de Ordes contou coa participación das seguintes entidades: Asociación de criadores da Raza Porcina Celta (ASOPROCEL), Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), Africor Coruña, Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.