David Amor será o pregoeiro. Fillas de Cassandra, Heredeiros da Crus, Mekánica Rolling Band, Olympus, Los Satélites ou París de Noia, entre outros, porán a nota musical. Centos de quilos de cogomelos repartiranse nos establecementos tanto o sábado como o domingo

O Concello de Ordes vén de publicar o cartel da XXXIV Festa do Champiñón para este ano, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de abril. Nel vólvese poñer de manifesto a intención por parte dos dirixentes locais de dotar a esta celebración dun marcado carácter lúdico e festivo. Todo grazas a unha programación na que claramente se ten traballado en prol da celebración, da música, os espectáculos e, como non podería ser doutro xeito, da gastronomía. Así, os que gusten  dos cogomelos teñen unha parada obrigatoria no municipio, onde centos de quilos de champiñóns se van repartir de balde tanto o sábado como o domingo polos bares e restaurantes.

     A partir das 21.30 horas do venres na praza de Veracruz terá lugar o espectáculo de lume Lenda das Meigas. Posteriormente (22.30h) o humorista David Amor ofrecerá o pregón que dará o disparo de saída oficial a tres días de diversión na vila de Ordes. A orquestra Olympus é a escollida para animar esta primeira noite dende as 23.30 horas.

    Durante toda a fin de semana gaiteiros e pasarrúas soarán polas rúas a partir das 10 horas. Será entón  cando tamén abran as súas portas tanto a exposición de maquinaria agrícola como a de artesanía, situándose esta última na alameda. O sábado os tractores tomarán as rúas do pobo cun gran desfile que arrancará ás 12 horas e que concluirá no Campo da Feira. A hora do vermú estará animada pola charanga TNT (13.30 h), que volverá novamente a partir das 20 horas. Antes, concretamente ás 18.30 horas, os máis cativos e cativas teñen unha cita co teatro grazas á peza Máis saaabor !! que se representará na alameda. Chegada a noite, a partir das 22.30 horas a música e os concertos sucederanse sen descanso, coas actuacións de Mekanica Rolling Band, Fillas de Cassandra e Heredeiros da Crus.
 
     O domingo ás 12 e 17 horas a charanga BB+ resoará por toda a vila. Unha hora máis tarde (13 h) cederalle o testemuño á Banda de Música de Ordes. Tras finalizar, o grupo Alaska arrancará o seu pase ás 14 horas. O fin de festa virá da man de Los Satélites e París de Noia a partir das 18 horas.

     Organizada polo Concello de Ordes, a XXXIV Festa do Champiñón conta tamén co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

XXXIV Festa do Champiñón