• Turismo de Galicia ten licitadas as obras de mellora da ruta e os proxectos de trazado e construción de treitos comúns

  • En 2024, máis de 28.000 peregrinos percorreron o Camiño Inglés que medrou a un ritmo do 16 % con respecto ao ano anterior

O Consello da Xunta informou hoxe das actuacións que se están a realizar no Camiño Inglés e que pretenden mellorar a seguridade viaria do itinerario polo que discorren os milleiros de peregrinos que cada ano elixen esta ruta como experiencia de peregrinación. En concreto, Turismo de Galicia está a licitar actuacións por importe de máis de 1,2M€ e que contribuirán a mellorar a mobilidade sustentable no Camiño de Santiago. Esta accións están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.

En concreto, Turismo de Galicia licitou as obras de mellora do Camiño Inglés por máis de 1,1M€, ás que hai que sumar tamén a licitación da redacción dos proxectos de trazado e construción de treitos comúns no Camiño de Santiago por máis de 88.000 euros.

Entre os obxectivos que se pretende con esta actuación figura o de garantir a seguridade dos peregrinos e demais usuarios do percorrido, xunto coa mellora de accesibilidade na ruta mediante a construción dunha nova senda e actuacións nos cruzamentos de estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal, entre outras.

Tamén se trata de poñer en valor o trazado do camiño ao tempo que se contribúe a dinamizar socioeconomicamente os territorios polos que discorre a ruta. O Camiño de Santiago actúa como xerador dun amplo catálogo de produtos turísticos diferentes e únicos que forman parte da oferta turística de Galicia. O pasado ano, un total de 28.060 peregrinos percorreron o Camiño Inglés, un 16 % máis que en 2023.

Actuacións en sendas e melloras de cruzamentos

As obras que se desenvolverán no Camiño Inglés están distribuídas en dous lotes, de maneira que no primeiro se acondicionará a senda dos Ramos-A Rúa, no concello de Ordes e no segundo mellorarase a seguridade viaria en cruzamentos con estradas desta ruta.

Así, na actuación da senda Os Ramos–A Rúa, en Ordes, suporá a execución dunha senda de 2,5 m de anchura e 350 m de lonxitude, actuándose tamén con previsión dunha futura instalación de iluminación pública. Ademais, acondicionarase a área de lecer da Senra.

No que atinxe ao segundo lote licitado, este inclúe actuacións en distintos cruzamentos do Camiño Inglés con vías de titularidade autonómica, provincial e municipal mellorando os elementos de sinalización e diferenciando a zona de cruzamento cun pavimento diferenciador, co propósito de advertir ao condutor do paso de peregrinos e provocar unha diminución da velocidade.

Ademais, tamén se realizarán obras de acondicionamento do Camiño na contorna dos cruzamentos, actuando na pavimentación, limpeza de marxes, mellora e limpeza de dispositivos hidráulicos, entre outros.

Estas actuacións mellora da seguridade viaria enmárcase no propósito da Xunta de Galicia por traballar na excelencia da experiencia da peregrinación, un dos obxectivos do Plan director dos Camiños de Santiago 2027. Búscase, ademais, ir reforzando a seguridade dos peregrinos polos distintos itinerarios.

Galicia ten no Camiño de Santiago un elemento non só estratéxico para o seu posicionamento como destino turístico senón tamén transversal a todas as nosas liñas de actuación e verdadeiro eixe vertebrador da marca Galicia.

A  XUNTA DESTINA 1,2 M € Á MELLORA DA MOBILIDADE SOSTIBLE DOS PEREGRINOS NO CAMIÑO INGLÉS