Xa se pode visitar a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle a través de Google Maps, grazas a este proxecto realizado da man da Fundación dos Ferrocarrís Españois

A Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle desenvolveu un proxecto de dixitalización deste percorrido natural co apoio da Fundación dos Ferrocarrís Españois (FFE), entidade ao cargo do programa nacional de Vías Verdes. Grazas a esta iniciativa, subvencionada por Turismo da Deputación de A Coruña, a Vía Verde xa está dispoñible en Google Maps, facilitando a súa visibilidade e promoción. 

Este proxecto forma parte dun plan estratéxico para mellorar a accesibilidade dixital das Vías Verdes en España e potenciar o territorio como atractivo turístico intelixente. A FFE formalizou e renovou os acordos precisos para colaborar con Google e dispoñer das súas ferramentas. Polo momento, a colaboración entre a FFE e Google permitiu a inclusión da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle na capa de Google Maps, de forma que aparece como calquera outra infraestrutura vial existente e incluíuse no buscador da aplicación. 

Para a dixitalización do percorrido, realizouse unha filmación en 360º ao longo dos 28 km da Vía Verde, ademais de captar imaxes de catro puntos de interés clave: a estación albergue de Cerceda - Queixas, a estación Ordes a Pontenova, o viaducto sobre o río Tambre e o túnel Da Costa. A gravación levouse a cabo en decembro de 2024 con bicicletas eléctricas, garantindo unha representación fiel do trazado e da súa contorna natural.

Ademais, realizouse unha presentación en Google Earth que facilita unha visión integral do percorrido, integrando información adicional como ligazóns á web víasverdes.com, vídeos e materiais divulgativos.

O proxecto foi incluido nas plataformas dixitais da FFE e nas canles de difusión especializadas, como o boletín de novas de Vías Verdes, con máis de 15.000 abonados. Así mesmo, agárdase que no futuro se continúe divulgando este proxecto para ampliar a promoción da Vía Verde en canles propios e externos.

A Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle presenta a súa dixitalización en Google Maps