Ordes celebrará con Croquetas o Día Internacional do Teatro
A obra teatral leva o selo da Agrupación Teatral Mariñán e forma parte da iniciativa da Deputación da Coruña para conmemorar a efeméride
O próximo 21 de marzo o público ordense terá a ocasión de poder desfrutar de balde dunha das pezas teatrais máis sonadas do último ano dentro do circuíto galego de teatro afeccionado, Croquetas. Será a partir das 20 horas no auditorio María del Carmen Regueira Amor, situado na Casa da Cultura.
A obra leva o selo da Agrupación Teatral Mariñán. As risas e a diversión están garantidas nesta comedia de enredo na que se mesturan un director teatral máis que cuestionable, un elenco de actores e actrices sen talento nin capacidade interpretativa e un guión que fai augas en cada parágrafo. A peza está dirixida por Juan J. Vázquez, quen tamén forma parte do grupo interpretativo.
Este evento forma parte da programación da Deputación da Coruña para conmemorar o Día do Teatro. A efeméride ten lugar cada 27 de marzo dende que no ano 1961 fora declarado polo Instituto Internacional de Teatro co fin de homenaxear a actores, actrices, dramaturgos/as e demais traballadores/as que desenvolven o seu labor nesta arte escénica.
A Agrupación Teatral Mariñán é unha das máis recoñecidas de toda Galicia, dende a súa fundación aló polo ano 1994. Dende entón foron moitos os espectáculos que pasearon non só polos escenarios galegos, senón tamén por outros do territorio nacional. Cómpre sinalar tamén que son os encargados de organizar o Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos, conxuntamente co Concello, que este pasado mes de febreiro celebrou a súa décimo sexta edición.