A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX, recibiu o XXIV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. O acto contará coa presenza do alcalde e o da historiadora e escritora Ofelia Rey Castelao

Este venres, 28 de febreiro, vai ter lugar ás 20 horas na Casa da Cultura de Ordes a presentación do libro A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX. Un traballo que foi recoñecido co XXIV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo e que leva a sinatura de Francisco Sandoval Verea. Doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e arquiveiro do Arquivo Histórico e Provincial de Ourense, o autor é ademais veciño da mesma vila ordense. 

Neste traballo abórdanse os diferentes aspectos que propiciaron que Ordes desbancase a Poulo e deixara de ser unha pequena aldea de non máis de cinco casas para converterse no epicentro da actividade política, social, urbanística e económica do municipio. Francisco Sandoval analiza este cambio non só dende un prisma político, administrativo ou xudicial. Tamén toma en consideración a importancia das feiras e sobre todo do novo trazado para unir Santiago e A Coruña a partir da segunda metade do século XVIII. Fito imprescindible para que se lle concedera a capitalidade de partido xudicial e posteriormente, xa a comezos do século XIX, o nomeamento de concello constitucional. 

Neste acto Francisco Sandoval Verea estará acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e tamén pola recoñecida historiadora, profesora e escritora Ofelia Rey Castelao.