O espectáculo audiovisual 586 cantos chega mañá ao auditorio da Casa da Cultura, mentres que Aecor Centro Comercial Aberto regalará rosas, chaveiros cable e máis entre a súa clientela. 

No día dos namorados a música máis enxebre soará no auditorio da Casa da Cultura de Ordes. A partir das 20 horas ofrecerase de balde o espectáculo musical 586 cantos. Os cineastas Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal asinan este traballo audiovisual facendo uso de gravacións sonoras, fotografías, partituras musicais e transcricións de textos. Todo mesturado coa reinterpretación de músicas tradicionais grazas a nomes relevantes como os de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal. 

586 cantos pon en alza o labor realizado durante séculos polas portadoras e transmisoras da poesía popular oral. Tamén enxalza o papel dos arquivos e fondos documentais que acollen o patrimonio inmaterial galego. Neste punto foi fundamental o traballo etnomusicolóxico levado a cabo hai unha década por Dorothé Schubarth en colaboración con Antón Santamarina. 586 cantos está producido polo Museo do Pobo Galego e  intégrase na programación Outono das Artes da Deputación da Coruña. 

Cupido chega a Ordes

Por outra banda, Aecor Centro Comercial Aberto ten prevista para mañá, 14 de febreiro, unha campaña na que as persoas que realicen unha compra superior aos 20 euros obterán un chaveiro cable recargador. 
Tamén poderán optar a un premio do máis romántico, unha noite para dúas persoas nunha estancia glampling bubble con almorzo incluído para poder ver as estrelas en parella no Remanso de Transfontao, en Silleda. A persoa que resulte gañadora terá ata o mes de decembro para  desfrutar do seu premio.

Deste xeito, dende as 17 ata as 20 horas Cupido visitará os locais comerciais asociados, onde repartirá rosas. Aquelas e aqueles que queiran optar ao premio terán que rexistrar as súas compras na APP Aecorclub, ademais de ter que facerse unha foto acompañados de Cupido e subila ás redes sociais coa etiqueta @Aecor.

Esta campaña conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Ordes.