• A distribuidora eléctrica de Naturgy incluíu no seu plan de investimentos varias actuacións e iniciativas para potenciar as infraestruturas de subministración de enerxía eléctrica neste concello.

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, investiu preto de 120.000 euros para a mellora da subministración eléctrica no concello de Ordes (A Coruña). A compañía realizou unha extensión da liña eléctrica de saída do centro de transformación na rúa Casabella, para o que construíu un total de 360 metros de liña de baixa tensión subterránea e 22 metros de liña aérea.

Así mesmo, a distribuidora instalou un novo centro de transformación no lugar do Souto, na parroquia de Mercurín, con conexión á liña de media tensión aérea existente.

A compañía inclúe cada ano no seu plan de investimentos actuacións e iniciativas para potenciar as infraestruturas de subministración de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente nas zonas rurais, contribuíndo así ao desenvolvemento económico destes territorios e á mellora das súas condicións de vida.

Para o delegado de UFD na provincia da Coruña, Emilio Castro, “o investimento realizado é unha proba máis do compromiso desta compañía co desenvolvemento enerxético de Ordes, xa que as actuacións realizadas aumentarán a capacidade da rede de distribución na zona, ademais de mellorar a fiabilidade da subministración eléctrica e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia no concello.”  
Pola súa parte, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, agradeceu a UFD “a súa aposta continua por seguir mellorando as infraestruturas eléctricas de Ordes, tanto no ámbito urbano como no rural. Nesa liña subliñou que “toda aposta investidora por mellorar a calidade do servizo para a veciñanza é unha clara mostra de compromiso coa sociedade, accións que buscan garantir a mellor calidade da subministración e da potencia eléctrica no territorio”. Martínez Sanjurjo tamén confía en que a distribuidora siga facendo melloras e reforzos para mellorar, máis aínda, a calidade da subministración de Ordes.

Presenza de UFD na Coruña e en Galicia

UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia da Coruña preto de 24.500 quilómetros de rede de baixa e media tensión, preto de 10.300 centros de transformación e dá servizo a 731.000 puntos de subministración. En Galicia, dá servizo a case 1,6 millóns de puntos de subministración en 286 concellos das catro provincias galegas, a través dunha rede de máis de 61.000 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión.

A distribuidora eléctrica investiu 206 millóns en 2024 na dixitalización e mellora da súa rede e infraestruturas en Galicia. Só nos últimos cinco anos, o investimento de UFD alcanzou os 800 millóns de euros para reforzar as súas infraestruturas en Galicia, cun enfoque posto na mellora da calidade do servizo á súa clientela.

Estes investimentos céntranse na innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol e sensorización das redes, así como no reforzamento das infraestruturas, co obxectivo de integrar o incremento da xeración renovable.

O esforzo realizado pola compañía en sensorización e dixitalización das súas infraestruturas permitiu a mellora da calidade do servizo medida a través do tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI). Este indicador sinala que a interrupción media do servizo en Galicia foi de 45,37 minutos durante o ano pasado.

UFD inviste preto de 120.000 euros en obras de mellora da calidade da subministración eléctrica no concello de Ordes (A Coruña)