spacer
A VÍA VERDE COMPOSTELA-TAMBRE-LENGÜELLE MELLORARÁ O SEU TRAZADO, POTENCIARÁ A ILUMINACIÓN E TERÁ ZONAS WI-FI

A Asociación de Concellos da Vía Verde asina un convenio de colaboración de 128.000 euros coa Deputación da Coruña para acometer as actuacións

A Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle asinou un novo convenio de colaboración coa Deputación da Coruña, polo que a institución provincial financiará con 128.000 euros melloras e actuacións de acondicionamento da senda ciclista e peonil máis longa de Galicia.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Oroso e presidente da Asociación de Concellos Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, Álex Doval, e o deputado responsable da Vía Verde, Antonio Leira, participaron no acto de sinatura do convenio de colaboración.

Entre as actuacións previstas, está a mellora dos trazados alternativos á senda, xa que nalgúns treitos a traza orixinaria do ferrocarril foi ocupada coa liña de alta velocidade. Inclúese tamén a mellora da iluminación do túnel no concello de Oroso, debido a que o sistema de autoabastecemento enerxético da iluminación non é suficiente, especialmente nos meses con menos luz solar.

Do mesmo xeito, levarase a cabo a instalación de sinalización complementaria con indicacións de dirección, información turística e o plan de evacuación. Tamén a creación de zonas WiFi que suplan a falta de cobertura de Internet en amplos treitos da vía.

Así mesmo, as fortes choivas provocaron desperfectos no pavimento que deben ser corrixidos, polo que unha partida resérvase para solucionar este tipo de incidencias, que contemplan tamén a recollida de pluviais baixo pasos elevados e tamén obras de drenaxe e recollida de augas en puntos concretos.

Por último, contémplase a subministración e instalación de papeleiras, a recuperación de camiños de servizo que daban acceso ás parcelas lindeiras e que quedaron en desuso e a adquisición de mobiliario para a oficina da Asociación, que está previsto que se instale na antiga estación de Cerceda.

A achega do ente provincial permitirá sufragar o 85 % do orzamento do proxecto, que ascende a 149.108 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o acordo “permitiranos seguir mellorando a maior Vía Verde de Galicia e dotándoa de máis e mellores servizos para os miles de usuarios que xa gozan dela, como unha iluminación adecuada nos túneles ou cobertura Wifi ao longo de todo o traxecto”. 

O presidente da Asociación de concellos, Álex Doval, agradece á Deputación da Coruña esta nova vía de colaboración, que ven a ser un paso máis do compromiso que os concellos de Ordes, Tordoia, Cerceda, Oroso e Santiago de Compostela teñen en achegar nas mellores condicións a Vía Verde a todas as persoas.

Na actualidade estanse a executar as obras para incorporar 10 novos quilómetros en Santiago de Compostela aos 26 xa operativos desde 2022 e acadar, así, unha lonxitude total de 36. Estes traballos do termo municipal de Santiago divídense en dúas fases que, no seu conxunto, supoñen un investimento de máis de 1,8 millóns de euros.