ÁNGELES VÁZQUEZ SALIENTA O COMPROMISO DOS CONCELLOS RECOÑECIDOS COA BANDEIRA VERDE COA PROTECCIÓN DA PAISAXE E DO MEDIO AMBIENTE
-
Fai fincapé en que cada vez son máis os municipios que acadan este recoñecemento
-
Pon en valor que os concellos de Ordes e Curtis conseguiron este distintivo en catro das cinco convocatorias desta iniciativa impulsada pola Xunta no ano 2020
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o compromiso dos concellos recoñecidos coa Bandeira Verde de Galicia coa protección da paisaxe e do medio ambiente.
Nesa liña, a conselleira fixo fincapé en que cada vez son máis os concellos que acadan este recoñecemento. Así, en 2024 o Goberno galego concedeu 24 galardóns -un 33% máis que no ano 2023-, dos que 11 conseguiron este distintivo por primeira vez.
Ángeles Vázquez explicou que a Bandeira Verde de Galicia ten unha grande importancia pola visibilidade que lles outorga os municipios como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
Durante a xornada de hoxe, a conselleira participou no izado das bandeiras verdes outorgadas aos concellos de Ordes e Curtis e incidiu en que ambos municipios conseguiron este distintivo en catro das cinco convocatorias desta iniciativa impulsada pola Xunta no ano 2020.
No caso de Curtis, Ángeles Vázquez indicou que o Concello presentou 18 accións na súa candidatura, das que 12 xa se acometeron e 6 están en fase de execución. Entre elas, sinalou a creación dun Bosque Atlántico no parque empresarial de Teixeiro, o acondicionamento dunha ruta de sendeirismo, a adquisición dun vehículo eléctrico para a flota municipal, a formación de persoal da área de urbanismo en materia de infraestrutura verde ou o desenvolvemento de campañas divulgativas e informativas.
En canto ao concello de Ordes, incluíu 10 actuacións na súa candidatura, entre as que destacan, por exemplo, a construción de 4 sendas peonís, a humanización de varias rúas, o uso de enerxías renovables como a biomasa ou a aerotermia, e o desenvolvemento dunha campaña de concienciación cidadá sobre a correcta xestión dos residuos e a limpeza dos espazos públicos.
A conselleira animou aos concellos a optar a este recoñecemento na próxima convocatoria e engadiu que a súa concesión supón un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas para construír e mellorar puntos limpos fixos, instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.
