As cámaras para poder ver en liña os encontros deportivos sitúanse nos pavillóns Castelao I e II, así como no campo de Vista Alegre. 

O Concello de Ordes súmase ao proxecto www.tiivii.gal. Trátase dunha plataforma de streaming exclusiva para o deporte modesto onde se emiten os partidos das principais disciplinas deportivas de Galicia. No caso de Ordes o sistema foi instalado nos pavillóns Castelao I, Castelao II e na Cidade Deportiva Vista Alegre. Será a partir do inicio das competicións da tempada 2024-25 cando se poidan ver en directo os partidos dos equipos locais.

O obxectivo da Televisión do Deporte Galego é axudar aos clubs modestos a xerar novos recursos económicos, ademais de ofrecerlles ferramentas tecnolóxicas para mellorar técnica e deportivamente.

Con esta iniciativa, o Concello de Ordes quer reforzar o seu compromiso coas novas tecnoloxías e co deporte local, apoiando tanto aos clubs como á difusión das súas actividades.