A asociación comercial sorteará ata o 3 de xaneiro bonos por máis de 5.000 euros para poder gastalos nos establecementos adheridos

Aecor Centro Comercial Aberto lanza unha nova campaña para estimular o consumo local de cara ás festas de Nadal. Con cada compra a partir de 5 euros realizada entre o 1 de decembro e o 3 de xaneiro nalgún dos comercios asociados poderase participar na ruleta da sorte. Esta quedará instalada do 18 de decembro ao 3 de xaneiro no parque da Constitución, nun horario que irá dende as 17 ás 19 horas (Agás os días 21, 22, 25, 28, 29, 31 de decembro e 1 de xaneiro). Nesta ocasión haberá 356 premios valorados en 5.000 euros en total, máis un premio final de 500. Os ditos premios consistirán en bonos para gastar nos establecementos pertencentes a Aecor Centro Comercial Aberto. Para comprobar se a sorte acompaña haberá que escanear o código QR que se entregará mediante a APP da asociación.

Por outra banda, tamén se anuncia a visita de Papá Noel os próximos luns e martes, 23 e 24 de decembro, de 17 a 20 horas e de 11 a 13 horas respectivamente. Unha moi boa ocasión para que a cativada se achegue para recordarlle os agasallos deste ano. 

Para levar a cabo esta iniciativa Aecor conta coa colaboración do Concello de Ordes e da Xunta de Galicia.