O Concello actuará en vías do Uzal e Nouche. Contémplase tamén a execución dunha nova senda e mellora do firme entre Os Baltares e O Cruceiro.

O Concello de Ordes publicou a licitación para varias obras nas parroquias de Barbeiros e Beán. Concretamente trátase da execución dunha senda que comunicará Os Baltares co Cruceiro, a mellora do firme neste tramo e acondicionamento do acceso principal ao campo da festa da parroquia, así como varias actuacións nos lugares do Uzal (Barbeiros) e Nouche (Bean). No seu conxunto o orzamento ascende a un global de 212.708,51 euros (257.377,30 € I.V.E. incluído). O prazo para presentar ofertas estará vixente ata o próximo 13 de xaneiro de 2025.

No Uzal contémplase a mellora da capa de rodadura en tres vías de 120x3,5 m, 50x5,7 m e 100x4,5 m, así como en 100  m² de abanicos. Aplicarase aglomerado quente tras eliminar as fochancas con grava e tratamento asfáltico. Nalgún destes puntos óptase pola utilización de grixo e formigón tras demolerse o pavimento existente e despois de executar a canalización de pluviais con tubo de polipropileno corrugado e arquetas sumidoiro.

Na actuación que irá dende Os Baltares ao Cruceiro (Barbeiros) ademais da mellora no firme executarase unha senda 335x1,8 m con grixo e formigón, entre outros materiais. Previamente realizaranse tarefas de despexe, demolición e apertura de sobreanchos. Baixo a senda canalizaranse as pluviais, o alumeado público e as telecomunicacións. Tamén se colocarán nove arquetas sumidoiro, unha canle de formigón composto dun tubo de polipropileno, arquetas de alumeado e de telefonía e tubaxe ríxida de PVC-U. No mesmo entorno figuran a maiores os traballos nunha praza existente ao carón do campo da festa e aparcadoiro, actuación de 40x9 m e na que, entre outras actuacións, se colocarán bandas de pedra de 40 cm de largo tanto perimetral como transversalmente.

Na aldea de Nouche (Beán) preténdese a mellora da capa de rodadura dunha pista en dous treitos de 300x3,5 m e 25x3,5 m e noutros 80 m² de sobreanchos existentes e abanicos.

Finalmente, en todos os casos, limparanse as gabias e salvagabias, e faranse tarefas para a correcta sinalización horizontal e vertical, ademais da instalación dos sinais necesarios de tráfico.

Aberta a licitación de novas obras en Barbeiros e Beán por máis de 257.000 euros