Aberto o prazo para acudir a Xuvenlugo
O Concello organiza unha xornada para desfrutar en familia da que é unha das maiores feiras de ocio infantil que se celebran en toda Galicia
O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolle nestas datas unha nova edición de Xuvenlugo, unha das maiores feiras de ocio infantil das que se celebran en terras galegas. Co gallo disto, o Concello de Ordes ofrece a posibilidade de poder desfrutar dunha tarde de diversión neste espazo. Será o 26 de decembro, con saída programada para as 15 horas e regreso ás 22 horas. O prezo é de 7 euros.
Xogos, obradoiros, atraccións, rocódromo, touro mecánico, inchables, pista de slot ou minigolf son algunhas das actividades previstas para nenos/as e público xuvenil. Como novidade este ano incorpórase á oferta o tren da bruxa. O espazo está dividido por idades para unha maior organización e facilidade á hora de escoller o mellor xeito de divertirse dunha maneira segura.
Por mor do número limitado de prazas terán preferencia as persoas empadroadas en Ordes. É importante ter en conta que as menores deben ir acompañadas dunha persoa adulta. O prazo de inscrición finalizará o 20 de decembro no mesmo Concello.