O Mercado Artesanal de Nadal encherá de creatividade a alameda de Ordes
Terá lugar dende o 20 ata o 24 de decembro. Roupa, abelorios, xogos ou alimentación serán algunhas das compras que se poidan realizar.
O tradicional Mercado Artesanal de Nadal que cada ano acolle a vila de Ordes por esta época do ano xa ten datas concretas de celebración. Será do 20 ao 24 de decembro na alameda do Soldado Lois. Alí instalarase unha gran carpa aberta ao público de 10.30 a 21 horas, agás o último día, o de Noiteboa, que abrirá de 10.30 a 14 h.
Deste xeito ofrécese a toda a veciñanza e visitantes do lugar a oportunidade de poder adquirir obxectos e elementos decorativos realizados na súa maioría manualmente e con técnicas artesanais aplicadas en todo tipo de materiais. Pezas tecidas con la, abelorios, macetas, xogos, bonecas, cestos de vimbio, pandeiretas, roupa, bolsos, adornos domésticos, doces, lambetadas e moito máis é o que se poderá adquirir este ano. Deste xeito, dende o Concello de Ordes quérese facilitar a oportunidade de adquirir comodamente agasallos para estas festas, á par que se contribúe coa sostibilidade e o mantemento da rede artesanía tanto local como galega.
O Mercado Artesanal de Nadal forma parte do programa de actividades organizadas polo propio Concello para estas festas. Un programa no que se mesturan todo tipo de actividades lúdicas, didácticas e culturais que, na súa meirande parte, están pensadas para ser desfrutadas en familia.