O Concello de Ordes súmase ao proxecto da TV do Deporte Galego (https://tiivii.gal)
A Televisión do Deporte Galego é unha plataforma de streaming, exclusiva para o deporte modesto, onde se emitirán os partidos das principais disciplinas deportivas de Galicia. O obxectivo é axudar aos clubes modestos a xerar novos recursos económicos, ademais de ofrecerlles ferramentas tecnolóxicas para mellorar técnica e deportivamente.
Para a emisión dos partidos empregaranse modernos sistemas de produción, que inclúen unha cámara panorámica de calidade 8K e unha cámara robotizada Full HD, manexadas mediante Intelixencia Artificial. Ademais, contará cunha mesa de produción na nube que permitirá engadir automaticamente o marcador, locucións, aliñacións, estatísticas dos partidos e todo o necesario para unha realización de alta calidade.
Este innovador sistema foi instalado nos pavillóns Castelao I, Castelao II e na Cidade Deportiva Vista Alegre. A partir do inicio das competicións da tempada 24-25, poderanse ver en directo os partidos dos equipos locais que disputen encontros nestas instalacións.
Con esta iniciativa, o Concello de Ordes reforza o seu compromiso coas novas tecnoloxías e co deporte local, apoiando tanto aos clubes como á difusión das súas actividades.