O conselleiro de Educación, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, visitou o colexio CEIP Campomaior.
A XUNTA INVISTE MÁIS DE 700.000 € EN MELLORAS NOS TRES CENTROS EDUCATIVOS DE ORDES AO ABEIRO DO PLAN DE NOVA ARQUITECTURA PEDAGÓXICA
- “Estas obras redundan nunha maior eficiencia enerxética dos colexios e no confort térmico da comunidade educativa”, indicou o conselleiro
- No CEIP Campomaior destináronse case 400.000 € ao cambio e illamento da cuberta, canos e baixantes
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, achegouse ao colexio CEIP Campomaior, en Ordes, para comprobar o resultado das obras realizadas os pasados meses neste centro. No transcurso das visitas, o titular do departamento educativo da Xunta destacou que o Goberno galego leva investidos máis de 700.000 € en melloras nos tres centros educativos de infantil e primaria deste concello, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
"Estamos a dar un forte pulo á modernización dos centros ao abeiro desta folla de ruta, coa que poñemos tamén especial fincapé na sustentabilidade medio ambiental, con actuacións como cambios de cubertas, illamento de fachadas, instalación de novas fiestras ou renovación de luminarias e falsos teitos, entre outras”, detallou o conselleiro.
“Todos estes cambios redundan non só nunha maior eficiencia enerxética dos edificios educativos, senón tamén no confort da comunidade escolar e no seu día a día nos centros”, abondou o conselleiro.
Nova cuberta e illamento.
No caso do CEIP Campomaior, cun investimento de case 400.000 €, a actuación consistiu nun cambio da cuberta de todas as edificacións que compoñen o centro, un total de 2.703 m². Colocáronse unhas novas de chapa de aceiro galvanizado, perfil nevado e con recheo intermedio de escuma de poliuretano. Tamén se mudaron os canos e as baixantes e instalouse illamento térmico sobre o forxado baixo cuberta.
Instalación de dous ascensores.
Cómpre lembrar que, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, tamén se realizaron melloras noutros dous centros de Ordes, como as melloras sectoriais de colocación de elevadores nos colexios CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao e no CEIP de Mesón do Vento, cun importe de arredor de 150.000 € cada unha delas.