As formacións Nimbos, Argalleiros e o trío Eric Hidalgo serán os encargados de poñer a nota musical nesta xornada. Tamén haberá un xantar popular para os socios e socias

A Asociación Cultural Amigos de Música de Ordes renderalle homenaxe Santa Icía, patroa da música, este próximo sábado 30 de novembro. Como é costume dende xa hai varios anos a cita desenvolverase no pavillón Campomaior.

Ás 13 horas dará comezo o concerto por parte da Banda de Música, seguido dun xantar popular con empanada, polbo, carne ao caldeiro ademais de sobremesa e café. O espazo contará con calefacción e servizo de bar. Non faltarán as animacións para os máis cativos e o sorteo de agasallos.

A partir das 19 horas a música volverá ser a protagonista co concerto ofrecido por Nimbos, formación galega que bebe da música tradicional para mesturala con outros estilos, incluso procedentes doutros países. Xa ás 20.30 será a quenda para a charanga de música tradicional galega Argalleiros, asociación cultural procedente do veciño concello de Oroso. Por último, e para pechar a festa, as persoas asistentes poderán bailar ao son do trío Eric Hidalgo. Todas estas citas musicais estará abertas e serán de balde para o público que queira asistir.

Tanto o Concello de Ordes como a Deputación da Coruña colaboran na posta en marcha desta conmemoración.

A Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes celebra este sábado a festa de Santa Icía