A Xunta colabora na adquisición dun vehículo eco para a Policía Local de Ordes cunha achega de 30.000€
- A directora xeral de Administración Local comprobou as prestacións do equipamento adquirido no marco das axudas do Fondo de Compensación Ambiental
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Ordes para comprobar as prestacións do vehículo policial adquirido ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. A través desta liña de axudas, a Xunta destinou 30.000 euros á nova dotación. Trátase dun turismo híbrido con distintivo ambiental eco adaptado para permitirlle ao corpo de seguridade local realizar de xeito máis eficiente os labores de vixilancia e protección.
Segundo indicou Natalia Prieto, a iniciativa enmárcase nos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, entre os que figuran o impulso á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das infraestruturas e equipamentos municipais. Apóstase tamén polas accións dirixidas á conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado, entre outras.
A directora xeral enmarcou o apoio da Xunta nesta adquisición no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de infraestruturas de uso municipal e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, ás que se sumou este exercicio a orde plurianual para melloras de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder. O conxunto delas supuxo en 2024 un investimento de 24 millóns de euros para impulsar preto de 700 proxectos municipais.
Natalia Prieto salientou que concretamente Ordes, ao abeiro das distintas convocatorias, recibiu nos últimos exercicios máis de 2 millóns de euros. Só ao longo deste ano, a maiores do apoio á adquisición do vehículo, financiouse a mellora enerxética do polideportivo Castelao II, o servizo de socorrismo na piscina descuberta ou o servizo de protección do espazo natural conxunto con Frades, entre outras.
Estas actuacións súmanse ás impulsadas en exercicios anteriores, como melloras na rede de abastecemento e de eficiencia enerxética, en parques infantís ou na dotación de diverso equipamento. A maiores, en 2024 Ordes recibiu preto de 500.000 euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local.