Os Concellos afectados polo paso da AP-9 acordan asociarse para “reivindicar os nosos dereitos tras 50 anos de agravios”.
Os Concellos loitarán polo cobro de atrasos do IBI, a actualización catastral da autoestrada e bonificacións para as persoas empadroadas.
Co obxectivo de unir forzas, o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, impulsou unha nova reunión dos Concellos galegos afectados polo paso da AP-9. A cita tivo lugar na casa consistorial de Abegondo, coa participación dun total de 22 concellos.
Acudiron Abegondo, Ames, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, A Coruña, Ferrol, Mesía, Miño, Mos, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Pontedeume, Portas, Teo e Valga. Estaban confirmados, pero finalmente non puideron asistir Culleredo e Pontecesures.
Os Concellos decidiron constituírse en asociación de afectados para “reivindicar os nosos dereitos tras 50 anos de agravios”, apuntou Santiso. O traballo comezará de inmediato coa redacción dos estatutos, que deberán ser aprobados por cada concello integrante. Trasladarase esta posibilidade ao resto de Concellos polos que pasa a AP-9, aínda que hoxe non asistiran, por se desexan sumarse.
Con esta agrupación, son tres os frentes polos que loitarán os concellos afectados. En primeiro lugar, buscarase o cobro de atrasos do IBI. Corresponden aos últimos catro meses do ano 2023, dende que en agosto rematou a exención do 95% que a concesionaria tiña por unha lei da época franquista.
As administracións recadadoras, que na maioría dos casos son as Deputacións, aplicaron o cobro do 100% só dende xaneiro do 2024, ao considerar que o devengo se realiza por ano natural. Pero tomando como base que o Concello de Valga acaba de lograr cobrar tamén eses catro últimos meses do 2023 solicitándoo de forma individual, tratarase de pedir o mesmo.
O alcalde de Pontedeume e membro do goberno provincial da Coruña, Bernardo Fernández, avanzou que se estudará esta reclamación. No caso dos municipios desta provincia, eses catro meses suporían unha cifra de 3,7 millóns.
En segundo lugar, a asociación defenderá ante o Catastro a actualización catastral das infraestruturas da AP-9. A última data do 2007. Pero se a maioría dos cidadáns experimentou unha actualización das súas propiedades, tamén é “xusto” que se estenda á autoestrada. Isto redundaría nun incremento da contía do IBI.
E en terceiro lugar, os Concellos explorarán a vía de solicitude de bonificacións para os seus cidadáns polo uso da AP-9. Servirán de exemplo outros casos, como o de Navarra, onde está establecida para as persoas empadroadas.
Con esta acción, os Concellos “queremos facer forza conxunta”, resume Santiso, que agradece a implicación lograda entre todos os asistentes.