A XUNTA E O CONCELLO DE ORDES ULTIMAN O PROXECTO PARA MELLORAR O SERVIZO DE ABASTECEMENTO E SANEAMENTO DESDE O MESÓN DO VENTO ATA O CANEDO
A Xunta de Galicia e o Concello de Ordes están a ultimar o proxecto para mellorar o servizo de abastecemento e saneamento desde O Mesón do Vento ata O Canedo co obxectivo de que poida ser adxudicado antes de que remate o ano 2024.
Nunha reunión que mantiveron recentemente, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, analizaron o estado deste proxecto, que foi licitado o pasado mes de abril cun orzamento inicial de máis de 680.000 euros e que na actualidade está pendente do informe técnico para a valoración das ofertas presentadas.
Esta actuación, que poderá ser cofinanciada a través do Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, inclúe as obras de construción das redes de abastecemento e saneamento, a reposición do pavimento afectado, así como a nova pavimentación e a recollida de pluviais nos viarios do núcleo do Canedo.
Máis polo miúdo, no que atinxe ao abastecemento, o obxectivo é substituír as traídas veciñais e os pozo particulares cunha nova rede con mellor reparto das presións. E, no caso do saneamento, esta actuación permitirá suplir as fosas sépticas particulares e eliminar as verteduras incontroladas.
A maiores, a conselleira e o rexedor tamén abordaron o proxecto municipal para reformar a estación de tratamento de auga potable (ETAP) da localidade, cuxo orzamento estimado ascende a preto de 1,45 millóns de euros. Segundo explicou a conselleira, persoal técnico de Augas de Galicia está realizando a revisión das últimas correccións requiridas, coa previsión de que en breve conclúa esa supervisión definitiva.
Ángeles Vázquez indicou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.