A XUNTA IMPULSARÁ O POLÍGONO INDUSTRIAL DE MERELLE CUN INVESTIMENTO DE 250.000 EUROS
Estas axudas van dirixidas a mellorar as infraestruturas dos parques empresariais e ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica .
Estes apoios, en colaboración cos concellos, contribúen á captación de investimentos en Galicia e melloran a competitividade das empresas galegas.
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde Ordes, José Luis Martínez, acompañados polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitaron o polígono industrial de Merelle para anunciar un investimento de 120.000 euros para a mellora do seu acceso peonil. Este investimento únese ao realizado, o ano pasado, que contou cunha axuda da Xunta de 120.000 euros, para mellorar o firme no viario principal na AC-408.
A delegada aclarou que esta axuda encádrase dentro da orde de axudas da Xunta para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, que conta cun orzamento total de 3,5 millóns de euros.
Estes apoios, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto, están destinados á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.
A delegada da Xunta explicou que esta liña de axudas “contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia e para a mellorar a competitividade das nosas empresas”. Neste sentido, aclarou que “encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas”.
Electrificación
Belén do Campo tamén apuntou que o Concello de Ordes foi beneficiario doutra axuda de máis de 130.000 euros para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo tamén para o polígono industrial de Merelle.
Cun orzamento de 4,7 M€, as axudas foron de concorrencia. Buscouse establecer medidas de reforzo e extensión nos parques que precisan un abastecemento de enerxía eléctrica a través de redes de distribución que permitan cubrir con seguridade e calidade as demandas das empresas que albergan e dos futuros proxectos que poidan implantarse.
Con carácter xeral, a intensidade da axuda é dun 80 % do importe total subvencionable cun máximo dun millón de euros por solicitude.
As principais novidades desta convocatoria foron que o prazo de execución é de tres anualidades para ofrecer tempo suficiente que permita realizar todos os trámites e actuacións necesarios e, ademais, abriuse unha liña específica para aqueles proxectos que obtiveron axuda na última edición pero que tiveron que renunciar por falta de tempo para obter autorizacións e para executar as actuacións.