O cambio climático é unha realidade que se reflicte nas altas temperaturas rexistradas nos últimos anos, e o Concello de Ordes quere adiantarse para que os seus efectos sexan o menos
prexudiciais posibles para a cidadanía. Por eso solicitou á Consellería de Medio Ambiente unha subvención para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático,
encadadradas dentro do PLAN PIMA cambio climático, e elaborou un proxecto que inclúe tanto a reforma do espazo urbano, orientada á atenuación do efecto illa de calor urbana, como unha
campaña de sensibilización para implicar á cidadanía na loita contra as consecuencias do quecemento global.
O espazo urbano no que xa se finalizaron as obras é a contorna do Parque Empresarial, e tal e como se establecía no proxecto, leváronse a cabo as seguintes actuacións:

  • Creación dunha charca para anfibios de 25 metros cadrados, incluíndo plantas acuáticas autóctonas.
  • Pavimentación con materiais en acabado permeable nunha superficie de 50 m2.
  • Plantación de 4 cerdeiras autóctonas.
  • Instalación de dous bancos e unha papeleira.
  • Instalación dunha pérgola de madeira cunha vide.

Ordes contará así cun espazo que atenuará o risco de calor extrema e que incidirá na mellora da calidade do aire, ao mesmo tempo que se ofrece aos veciños e veciñas un espazo idóneo para o
lecer. Para sensibilizar á poboación levaranse a cabo xornadas no novo espazo urbano da charca para anfibios. Neste mesmo punto instalarase un panel informativo con contidos orientados á
conservación da fauna e flora autóctonas e á loita contra cámbioo climático. As xornadas de concienciación tamén se trasladarán aos centros educativos.

O CONCELLO DE ORDES REALIZA UNHA ACTUACIÓN DE NATURALIZACIÓN DO ESPAZO URBANO DO PARQUE EMPRESARIAL