• A conselleira de Economía e Industria visitou hoxe o concello de Ordes para coñecer de primeira man as súas necesidades de solo industrial

  • Lorenzana puxo en valor a labor da Oficina Económica do Igape que nos dous meses que leva en funcionamento atende arredor de 1.000 consultas ao mes

  • Avoga por adaptar a política industrial da Xunta ás necesidades dos empresarios e por vincular a súa planificación ás zonas de potencial industrial para abaratar a enerxía das industrias galegas e dos consumidores

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apostou hoxe pola axilización e a desburocratización, como base da política empresarial que está a despregar a Xunta de Galicia. Lorenzana, acompañada da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, realizaba estas declaracións no transcurso dunha visita ao concello de Ordes, onde mantivo un encontro co seu alcalde, José Luís Sanjurjo, membros da corporación e unha nutrida representación do tecido empresarial deste municipio coruñés. Ao remate do encontro, María Jesús Lorenzana asinou no Libro de Ouro do Concello.
A titular de Economía e Industria da Xunta de Galicia aproveitou a visita para coñecer de primeira man as necesidades de solo industrial do municipio. Neste sentido, trasladoulles o compromiso de que “inmediatamente imos comezar a traballar na ampliación do parque industrial e ver as posibilidades que hai de facer un pouco máis áxil todo o que ten que ver co Plan de Ordenación de áreas empresariais de Galicia”.
Esta reunión enmárcase na rolda de contactos que está a manter cos diferentes rexedores locais, agora que a política de planificación de solo industrial é competencia da Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial.
Segundo expuxo, o obxectivo da Xunta é que a política de solo se desenvolva en Galicia tendo en conta dúas cuestións, “a primeira que exista demanda, e a segunda, que desde o punto de vista territorial, o solo estea ben situado”, dixo.
Na mesma liña, puxo en valor o Plan de aceleración de proxectos industriais, “cunha tramitación con prazos máis reducidos” polo cal todos os proxectos que teñan un investimento de 800.000 euros ou máis “entrarían neste Plan e a partir de 2M€, o proxecto poderían cualificarse como proxecto industrial estratéxico”, subliñou.
A conselleira tamén explicou que xunto co Plan de aceleración, a Xunta puxo en marcha a Oficina Económica de Galicia dependente do Igape que segundo explicou “está a disposición de calquera empresario pois temos que axilizar e adaptar a nosa política industrial ás necesidades que tedes os empresarios”. Nos dous meses que leva en funcionamento, “estamos atendendo arredor de 1.000 consultas ao mes e xa levamos realizados máis de 150 plans individualizados de atención en toda Galicia”, apuntou.
Durante a súa exposición, a titular de Economía e Industria explicou que, da man da Lei de Recursos Naturais que se está a tramitar no Parlamento, o Goberno galego está levando a cabo unha axeitada planificación a nivel industrial e a nivel enerxético que vaia vinculada ás zonas de potencial industrial “para poder abaratar a enerxía das industrias galegas e dos consumidores”.
Finalmente, a conselleira resaltou que Ordes é un dos concellos beneficiados das liñas de axuda que a Xunta acaba de resolver e que teñen o obxectivo de contribuír á competitividade dos parques empresariais galegos. En concreto, para a mellora de infraestruturas e servizos, para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica e unha terceira liña para a creación de viveiros industriais. 
Ademais, este concello forma parte do programa Concello Emprendedor desde o ano 2018. Unha iniciativa á que están adheridos 156 municipios galegos e que ofrece máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais co fin de facilitar o investimento empresarial para impulsar a reactivación económica.

LORENZANA APOSTA POLA AXILIZACIÓN E A DESBUROCRATIZACIÓN COMO BASE DA POLÍTICA EMPRESARIAL DA XUNTA