• A Xunta habilita unha nova expedición con saída de Ordes ás 06,40 horas, e outra de volta con saída de Santiago ás 22,20 horas que beneficiará, tamén, aos veciños de Oroso

  • Ponse en marcha un novo servizo con saída da Estrada ás 13,35 horas e outro de volta con saída de Santiago ás 08,25 horas, ademais de axustarse os horarios de outras dúas expedicións, mellorando o servizo tamén para os usuarios de Teo

  • Refórzanse, ademais, os servizos que funcionan como lanzadeira entre a estación intermodal, o Hospital Clínico Universitario e o Hospital de Conxo e mellórase a coordinación dos transbordos para facilitar enlaces aos usuarios de máis localidades

  • A liña que se puxo en marcha o pasado mes de xullo para atender os traballadores sanitarios de Lalín e de Silleda enlazará na estación intermodal con liñas con cabeceira en Ordes e na Estrada

Desde o vindeiro luns, día 25, os usuarios de Ordes e da Estrada verán melloradas as conexións dos servizos de autobús cos hospitais de Santiago, beneficiando tamén aos veciños de Oroso e de Teo. A Xunta reforzará os servizos desde eses concellos e mellorará a coordinación dos transbordos na estación intermodal cara ao Hospital Clínico Universitario e cara ao Hospital de Conxo para atender as necesidades de desprazamentos dos usuarios. 

Así, para facilitar os desprazamentos entre Ordes, Oroso e os hospitais á ida e á volta en todas as quendas de luns a venres, créanse dúas novas expedicións, unha de ida con saída de Ordes ás 06,40 horas e unha de volta con saída de Santiago ás 22,20 horas. Para o resto de horarios, só será preciso o axuste horario dun servizo.

Tamén nos servizos de autobús entre A Estrada, Teo e Santiago ofreceranse enlaces coordinados cos servizos lanzadeira en todos os horarios de luns a venres laborables. Para iso, foi preciso crear dous novos servizos e adaptar os horarios doutros dous servizos xa existentes. As novas expedicións serán unha de ida, que sairá da Estrada ás 13,35 horas, para a entrada na quenda da tarde, e outra de volta, con saída de Santiago ás 08:25 horas, despois da quenda da noite.

Para facilitar, principalmente, a mobilidade do colectivo de traballadores sanitarios e ofrecer opcións adecuadas ás quendas de traballo, refórzanse os servizos de autobús que funcionan como lanzadeira para conectar os hospitais e a estación intermodal e mellórase a coordinación para os transbordos nas liñas entre Santiago e outras localidades galegas.

Así, por unha banda, a Xunta adapta o itinerario da liña que se puxo en marcha o pasado 17 de xullo para facilitar, principalmente, desprazamentos ao traballo do persoal sanitario de Lalín e Silleda e que ofrece servizos todos os días da semana para as tres quendas. Esta liña, que viña realizando as paradas do Hospital de Conxo e o Hospital Clínico consecutivamente antes de finalizar na estación intermodal, pasará a conectar primeiro a capital do Deza coa terminal de autobuses e desde alí prestará o servizo cara aos hospitais.

Nos horarios de maior demanda, de luns a venres laborables no cambio de quenda das 08,00 horas e na saída das 14,00 horas, o treito entre a estación e os complexos sanitarios prestarase de xeito independente para os dous hospitais. 

Así, a conexión co hospital Clínico manterase na liña de Lalín a continuación da terminal de autobuses, mentres a conexión co hospital de Conxo realizarase na lanzadeira específica entre a estación intermodal e ese centro hospitalario, que se reforza cunha expedición máis e se amplía a todo o ano. 

No resto de quendas, os desprazamentos aos dous hospitais estarán atendidos conxuntamente na liña Lalín-Santiago-hospitais.

A nova configuración impulsada pola Xunta cumpre un dobre obxectivo: o primeiro, evitar o percorrido polos complexos sanitarios aos usuarios que non se dirixen aos hospitais (neste momento un 58% baixan ou acceden na estación intermodal); e o segundo, permitir o enlace dos servizos con outras liñas para facilitar o acceso dos usuarios dos corredores de Ordes e A Estrada ata os seus hospitais, asegurando a marxe de tempo necesaria para a entrada e a saída nas tres quendas de traballo do día.

O conxunto das medidas aprobadas responden ao compromiso da Xunta por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade dos usuarios.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.
 

A XUNTA REFORZARÁ DESDE O LUNS AS CONEXIÓNS DE AUTOBÚS COS HOSPITAIS DE SANTIAGO DESDE OS CONCELLOS DE ORDES, OROSO, A ESTRADA E TEO