• O convenio establece o compromiso da Xunta de contratar, executar e financiar as obras nun 80%, con máis de 665.000€, mentres que o Concello achegará o 20% restante 

  • Substituiranse os pozos de captación e as foxas particulares existentes, que carecen dun control axeitado, conectando as vivendas do Canedo ás redes municipais

  • A actuación suporá ampliar os sistemas municipais desde O Mesón do Vento coa instalación de 2,8 novos quilómetros de  rede de abastecemento e máis de 3 quilómetros de tubaxe de saneamento

  • O obxectivo é iniciar os traballos no segundo semestre de 2024, cun prazo de execución de 6 meses

 A Xunta e o Concello de Ordes colaboran achegando preto de 820.000 euros para ampliar o abastecemento e o saneamento desde O Mesón do Vento ata o núcleo do Canedo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, formalizaron hoxe o acto administrativo de sinatura do convenio de colaboración, autorizado o pasado 7 de decembro polo Consello da Xunta. No acto tamén participou o delegado territorial do Goberno galego na Coruña, Gonzalo Trenor.

Tal e como recolle o acordo selado na Casa do Concello, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará as intervencións cunha achega do 80% do custo, poñendo 655.000 euros. Ademais, Augas de Galicia será a encargada de levar a cabo a contratación e execución das obras, e a súa dirección e xestión ata a súa finalización. 

O Concello de Ordes, pola súa parte, contribuirá ao financiamento do 20% restante, achegando preto de 164.000 euros. 

As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027.

A entidade local comprométese, ademais, a someter o proxecto a información pública, mediante publicación no Boletín Oficial da Provincia, por un período non inferior a 20 días. Tamén deberá aprobar en Pleno o proxecto, poñer á disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios e obter os permisos pertinentes para a realización das obras previstas neste convenio.  Ao remate das actuacións, o Concello recibirá as obras e como titular das mesmas, asumirá a súa posta en servizo, explotación e mantemento. 

Tras o acto administrativo de hoxe, continuarase cos trámites correspondes, coa consecución da documentación municipal preceptiva para a licitación das obras. O obxectivo é poder iniciar os traballos no segundo semestre de 2024, cun prazo de execución de 6 meses.

Ethel Vázquez explicou que as obras que se levarán a cabo baixo este acordo farán posible que o núcleo do Canedo dispoña de rede de abastecemento e saneamento municipal grazas aos traballos de ampliación das redes desde O Mesón do Vento. 

Con estas actuacións substituiranse os pozos de captación e as foxas particulares existentes no Canedo que carecen, na maior parte dos casos, dun control axeitado, para conectar esas vivendas á rede de abastecemento e saneamento municipal. 

En concreto, para levar o servizo de abastecemento ata O Canedo será necesario estender 2.500 de tubaxe de polietileno de 75 mm de diámetro para a rede principal e outros 315 metros de tubaxe, neste caso de polietileno de 63 mm, para os ramais secundarios.  

Serán, en total, máis de 2,8 quilómetros de nova rede de abastecemento, que se dotará das correspondentes válvulas de comporta, ventosas, válvulas de baleirado,  válvula redutora de presión, xunto coas arquetas correspondentes. 

Para a dotación do saneamento, prevese instalar preto de 1.600 metros de tubaxe de pvc de diferente grosor, ademais de pozos de rexistro prefabricados e un pozo de bombeo prefabricado con 2 bombas de 2,6 Kw de potencia.

Ademais, para a impulsión desde o pozo de bombeo ata a fosa séptica existente, serán precisos 1.300 metros de condución en polietileno e outros 110 metros de canalizacións en polietileno corrugado, sumidoiros e caces de recollida das augas pluviais. 

O trazado para levar as redes de abastecemento e saneamento municipais ata o núcleo do Canedo cruzará a estrada N-550 en dúas zonas, onde está previsto realizar perforacións horizontais dirixidas. Iso supón que, á finalización dos traballos, será preciso acometer a reposición dos pavimentos e superficies afectadas.
 

A XUNTA E O CONCELLO DE ORDES COLABORAN ACHEGANDO PRETO DE 820.000 € PARA DOTAR DE SERVIZOS DE ABASTECEMENTO E  SANEAMENTO O NÚCLEO DO CANEDO