A XUNTA COLABORA COS CONCELLOS DE ORDES E FRADES PARA A MELLORA DA PONTE SOBRE O RÍO SAMO, NA MAQUÍA, CUN ORZAMENTO DE PRETO DE 320.000 EUROS
-
O Consello da Xunta acordou na súa xuntanza semanal aprobar a sinatura do Convenio de colaboración entre o Goberno galego e as dúas entidades locais para renovar a ponte sobre o río Samo, na Maquía.
-
A Administración autonómica será a responsable da actuación e achegará 217.400,61 euros, mentres que os concellos cofinanciarán o proxecto cunha achega de 100.000 euros, que se repartirán a partes iguais.
-
O convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2024 ata que se rematen as obras e se lles entreguen aos concellos.
O Consello da Xunta acordou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e os concellos de Ordes e Frades, na provincia da Coruña, para realizar obras en infraestruturas rurais, neste caso para a renovación da ponte sobre o río Samo, na Maquía, destinado para o uso público.
A Consellería do Medio Rural será a responsable da realización das obras, e correspóndelle a súa licitación ou encarga, tramitación e dirección. O orzamento máximo que se destinará para a actuación da cal é obxecto este convenio ascende a 317.400,61 euros, dos cales o Goberno galego achegará dos seus fondos propios 217.400,61 euros. Os 100.000 restantes serán cofinanciados polos concellos de Ordes e Frades, con 50.000 euros fornecidos por cada un deles.
Esta obra consiste nunha infraestrutura rural, que os concellos de Ordes e Frades consideran necesaria, axudará a mellorar o desenvolvemento rural destas dúas localidades e, en concreto, dos núcleos máis próximos á ponte obxecto deste proxecto de renovación.
A Consellería do Medio Rural, con este convenio, reforza o seu labor a prol do desenvolvemento das zonas rurais galegas, ao favorecer que se leven a cabo proxectos que as dinamicen para mellorar a calidade de vida da súa poboación e contribuír ao mesmo tempo coa súa fixación.
O convenio estará vixente a partir do 1 de xaneiro de 2024 e a súa finalización dependerá do remate das obras e do momento en que a Consellería do Medio Rural lles comunique a súa recepción aos concellos de Ordes e Frades e as formalice coa súa correspondente acta de entrega.
