spacer
A XUNTA LICITA A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DE ORDES, CUBRINDO A CUBERTA ATERRAZADA, PARA HABILITAR 5 CONSULTAS DA ÁREA DE SAÚDE MENTAL CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 436.000€ 
  • O delegado da Xunta, a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza e o alcalde de Ordes visitaron a centro de saúde para anunciar esta nova actuación que permitirá mellorar os espazos dispoñibles para dar un óptimo servizo aos pacIentes

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado pola xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez e polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitou o centro de saúde de Ordes para anunciar un investimento de máis de 436.000 euros , que permitirá a ampliación do centro de saúde, ocupando a cuberta aterrazada do PAC, que conta cunha superficie aproximada de 170 metros cadrados, para habilitar 5 consultas da área de saúde mental. Esta actuación permitirá mellorar o servizo da  unidade de saúde mental que se presta neste centro desde o mes de maio de 2021 o optimizará o uso de todo o espazo dispoñible.

O delegado da Xunta explicou que con esta actuación, que se licita hoxe, crearanse as seguintes consultas: unha para traballo social, dúas consultas de psiquiatría, unha de enfermería e outra para psicoloxía. Ademais haberá novos aseos adaptados. Esta actuación permitirá dar unha mellor cobertura á atención da saúde mental á poboación de referencia. Pódese consultar toda a información no enlace: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=806561&lang=gl

O representante do Goberno galego apuntou que “esta ampliación preséntase como un volume compacto que consolida a área de saúde mental dentro do edificio, conectándose coas circulacións existentes sen desvirtuar a imaxe exterior do edificio. O cerramento da fachada así como a cuberta realizarase con materiais iguais ou similares aos do edificio existente cun muro de cerramento de ladrillo caravista e cuberta de chapa”. 
A proposta desenvolve a organización, estrutura e distribución das distintas áreas e servizos citados no programa funcional, sobre o nivel de planta primeira, onde radica a actividade fundamental do centro de saúde, adaptando o programa da área de saúde mental dentro do funcionamento diario de cara ao usuario e profesionais conectando as súas circulacións e esperas de forma óptima, permitindo así a compatibilidade dos espazos

Trenor explicou que a planta primeira alberga, neste momentos, os programas propios do centro de saúde correspondente a consultas de medicina, enfermería, pediatría, matrona, odontoloxía e administración. É neste nivel onde se realizará a ampliación, incluíndo o programa de área de saúde mental que conta con: unha consulta de enfermería, 2 consultas de psiquiatría, unha consulta de psicoloxía, unha consulta de traballador social. Ademais, no proxecto inclúense aseos adaptados xa que a ampliación considera o aumento de usuarios e debido a que os aseos do centro actualmente atópanse na esquina oposta, significa unha notable melloría en canto aos percorridos. 

Trenor lembrou que neste centro de saúde tamén se levou a cabo recentemente a reparación dos ventanais deteriorados a causa da corrosión da estrutura metálica de catro ventanais da parte posterior do edifício e está previsto levar a cabo a substitución do alumbrado por iluminación tipo LED e a modificación da instalación eléctrica para cobrir mediante un grupo electrógeno diferentes zonas del centro.

Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024

Este investimento desenvólvese a través dos fondos destinados ao Plan de Saúde Mental de Galicia aprobado pola Xunta para o período 2020-2024.

Este plan ten unha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros e prevé a incorporación de 241 novos profesionais, dos cales a día de hoxe están contratados xa 125. Os orzamentos da Xunta para 2023 crearán outras 61 novas prazas neste eido.

Ao abeiro deste plan puxéronse en marcha catro novas unidades de saúde mental para adultos: esta de Ordes e as de Oleiros, Tui e Ponteareas.

A área sanitaria de Santiago incorporou tamén unha nova unidade de hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil e porá en marcha proximamente unha unidade específica de prevención do suicidio.

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta na Coruña