A participación da banda do Terzo Norte de Ferrol na ofrenda floral ante a tumba-monumento do veciño ilustre, no cemiterio do Piñeiro, marcará a xornada no Día de Todos os Santos.

Este ano o Concello de Ordes retoma con normalidade a homenaxe que cada 1 de novembro, Día de Todos os Santos, lle brinda ao seu veciño ilustre Manuel Lois García, coñecido popularmente como 'Soldado Lois'. Tras a pandemia, que obrigou a suspender o acto en 2020 e a reducilo considerablemente en 2021 dadas as restricións sanitarias, o cemiterio do Piñeiro volverá ser lugar de encontro para autoridades, veciñanza e, como non, para a banda do Terzo Norte de Ferrol. Entre as persoas presentes non faltarán alcaldes da comarca e membros da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico, así como integrantes da corporación e membros do equipo do Goberno local co alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, á cabeza.

O programa dará comezo cunha recepción ás 11.30 horas no salón de actos do Concello coa asistencia de Francisco Guerrero Mayol, coronel e comandante do Terzo Norte. Tras asinar no libro de honra, todas e todos os presentes dirixiranse ao cemiterio do Piñeiro. Alí a partir das 12 horas oficiarase unha misa seguida, tal e como manda o costume, da ofrenda floral na tumba-monumento construído en memoria ao Soldado Lois.

Historia do Soldado Lois

Nado no municipio de Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4. 

Será a comezos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas alxerianas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacante, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos, que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados, fan que caia ao chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil, o cal rodou pola cuberta ata caer ao mar, pasando así o perigo”. 

Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermería do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba-monumento, o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.