Finalizadas obras en Lesta por máis de 140.000 euros
Trátase de varias intervencións englobadas no Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas situadas na Agrela, Xermiñas e O Couto
O Concello de Ordes vén de rematar varias obras na parroquia de Lesta. Concretamente trátase da pista que conecta A Agrela coa igrexa dende a estrada AC-413 e doutro tramo cara a unha nave da zona. Por outra banda, tamén se realizaron traballos na pista que se dirixe a Xermiñas. Todas elas están incluídas no Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2022-23, o cal conta co apoio económico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).
No primeiro caso trátase dun tramo de 910 metros, dividido en dous treitos de 765 x 5 m e 145 x 3,5 m, dous abanicos de 50 e 25 m², máis un entronque de 10 x 5 m. Polo que respecta á pista en Xermiñas, traballouse nun tramo de 220 metros de lonxitude cunha anchura de 3,75 m. Tamén en dous abanicos de 25 m² cada un. En ambos os casos hai que facer fincapé no estado de deterioración que presentaban ambas as vías, con numerosas fochancas e deformacións provocadas polo continuo tránsito de vehículos pesados e maquinaria que teñen como destino as parcelas agrícolas situadas nesta área. Tras repararse as fochancas aplicouse unha capa de aglomerado quente. O proxecto tamén incluíu a limpeza de gabias, o pintado das liñas de bordo e a colocación de sinais de tráfico.
Outra obra tamén finalizada é a executada no acceso ao Couto ata o límite con Cestaños.
En total hai que falar dun investimento que no seu conxunto ascende a 140.359,60 euros.