A Biblioteca Municipal de Ordes arrancou unha nova tempada das súas Tardes de contos e lendas tras o regreso das vacacións estivais. Para esta primeira sesión os nenos e nenas que se achegaron ata os baixos da alameda puideron desfrutar coa sesión Lúa quere viaxar a Marte, a cargo da compañía A Xanela do Maxín. Unha historia de igualdade para nenos e nenas de 5 a 6 anos na que se evidencia que homes e mulleres teñen as mesmas capacidades e posibilidades á hora de acadar os seus soños e obxectivos. Incluso o de chegar a ser astronauta e viaxar polo espazo.
 
A actividade, organizada polo Concello de Ordes, está integrada dentro do programa Ler conta moito para a dinamización á lectura na rede de bibliotecas públicas de titularidade municipal, o cal está desenvolvido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. 

Noutra orde de cousas dende a biblioteca vense de facer pública, a través das súas redes sociais, a ampliación do fondo bibliográfico da  sección Colección accesible. Trátase de libros adaptados dirixidos á rapazada con necesidades especiais, cos que se quere incidir na educación e difusión de valores e tamén na diversidade.

A Xanela do Maxín trae de volta as Tardes de contos e lendas á biblioteca de Ordes